Entre o 13 e 15 de xuño celebrouse na localidade de Savelletri, na Apulia italiana, o 50º Cumio do G7. Supón un foro de impacto e trascendencia á hora de discutir e tomar decisións sobre problemáticas globais, con particular incidencia de acordo aos intereses occidentais. Están aí presentes a Unión Europea, EEUU, Canadá, Xapón, Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido.
“O momento 2024 indica outra realidade: a intransixencia occidental e ‘atlantista’ derivou nun reforzamento ruso das súas alianzas euroasiáticas”
No pasado, cando as relacións con Rusia non eran da tensión permanente que observamos dende a invasión militar a Ucraína de 2022, este foro chegouse a denominar o G7+1, moi probablemente coas expectativas occidentais de atraer a Moscova as súas esferas de influencia. Pero o momento 2024 indica outra realidade: a intransixencia occidental e ‘atlantista’ derivou nun reforzamento ruso das súas alianzas euroasiáticas. E así o observamos neste cumio do G7, onde outras potencias como China e India tampouco están presentes. Esta edición de 2024 incluíu, entre outros temas, as crises de Ucraína e Gaza, o desenvolvemento de África, o cambio climático, a migración, a seguridade económica na rexión Indo-Pacífico, os retos da intelixencia artificial e a enerxía.
Con este panorama resultaba evidente que este cumio de Savelletri implicaría a adopción dunha especie de fronte común por parte do G7 occidentalizante ante o convulsionado panorama internacional. A presenza en Apulia do presidente ucraíno Volodymir Zelensky é unha confirmación desta perspectiva, e máis cando se realizaba como antesala do cumio da Paz para Ucraína en Suíza (15 e 16 de xuño) Un cumio no que Rusia, parte integral do problema, non foi convidada, algo incomprensible se realmente se quere chegar a unha paz en Ucraína. E máis cando, con anterioridade, ese Occidente que críamos pacifista volveuse belicista e desprezou outras iniciativas de paz como as de China, Brasil e Sudáfrica.
A pesares dos esforzos da xira internacional de Zelensky e dos seus apoios occidentais, outros países con peso como China, India, Brasil ou Arabia Saudita, entre outros, declinaron asistir argumentando a falta de equidade dese cumio precisamente pola ausencia rusa.
Pero volvamos ao G7. A presenza de Zelensky implicaba a necesidade de amosar, cando menos formalmente, o compromiso de axuda ao aliado ucraíno, incluso volvendo a mencionarse a posibilidade dun ingreso express de Ucraína na OTAN. O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg (quen debía deixar o cargo o ano pasado pero aínda non existe consenso sobre o seu subtituto) propuxo un paquete de axuda de 100.000 millóns€ para Kiev ata o 2029; precisamente o período que cubre o vindeiro Parlamento Europeo saído das eleccións do pasado 9 de xuño e, igualmente, a maior parte do actual período presidencial de Putin ata 2030. A mensaxe é clara: Occidente non abandonará a Ucraína, cando menos durante os vindeiros cinco anos. Pero hai matices: o compromiso con Zelensky quedou en 40.000 M€ para este 2024 pero aínda debe avanzarse nese consenso, que tampouco é total entre os membros do G7, da OTAN e da UE.
Pero sigamos co contexto global no que se celebra estes cumios do G7 e da Paz en Ucraína e que pode pode ofrecer pistas importantes sobre as decisións que se tomen aí. Con estes encontros en marcha a fragata rusa Gorshkov, con submarino nuclear incluído, achegouse ás costas da Habana, o que é dicir a escasas millas das costas estadounidenses.
Toda vez a maquinaria mediática púxose en marcha, comprometida co sensacionalismo e a espectacularidade da noticia comparándoa con feitos históricos como foi a Crise dos Misiles de Cuba de 1962, dende Washington apresuráronse a restar importancia ao asunto porque esta aproximación da fragata rusa “non constitúe unha ameaza”. Dende Moscova, o presidente Vladimir Putin argumentou “compromisos militares” co seu aliado cubano. Mirando o trasfondo, co foco nas repercusións globais da guerra ucraína, o perigo dunha escalada nuclear sempre está presente entre Washington (6.800 armas nucleares) e Moscova (7.000) o coñecen moi ben dende fai décadas.
Seguimos co perigo nuclear. Estes días apareceron noticias de renovación das tensións fronteirizas entre tres potencias nucleares, China (270 armas nucleares), India (130) e Paquistán (140) Lembremos que no cumio do G7 o tema da seguridade no Indo-Pacífico é un dos temas estratéxicos. China, e con menor intensidade a India, son aliados rusos, mais firme no caso de Beijing na guerra ucraína; ademais estes tres países son membros dun BRICS en ascenso.
Paquistán é un aliado importante chinés precisamente para contrarrestar o peso xeopolítico dunha India que ven de reelexir como presidente ao nacionalista radical Narendra Modi. India xoga complexos equilibrios entre Occidente, China e Rusia ademais dos seus propios intereses, no que os diferendos fronteirizos con Paquistán (rexión de Cachemira) e China (Tíbet) son imperativos. E aquí enmárcanse algúns dos obxectivos occidentais ‘atlantistas’ de tentar implosionar o eixe sino-ruso, dende Ucraína ata o Indo-Pacífico, sen desestimar Taiwán.
“Algúns dos obxectivos occidentais ‘atlantistas’ de tentar implosionar o eixe sino-ruso, dende Ucraína ata o Indo-Pacífico, sen desestimar Taiwán”
E por iso miramos agora ao Cáucaso, onde o presidente armenio Nikol Pashinyan, de orientación prooccidental, anunciou precisamente esta semana a saída armenia da Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC), organismo defensivo similar á OTAN pero impulsado por Rusia na contorna euroasiática.
Armenia, fortemente dependente da enerxía rusa, vese igualmente convulsionada por protestas contra Pashinyan polas súas cesións territoriais á vecina Acerbaixán trala guerra relámpago de finais de 2023 en torno ao enclave (agora ex armenio) de Nagorno Karabaj, hoxe practicamente baixo control azerí. O mandatario armenio acusa a Moscova e á OTSC de inclinarse a favor dos intereses azeríes en detrimento dos armenios. Pero trala caída de Nagorno Karabaj en mans azerís chegaron a Armenia milleiros de refuxiados descontentos con Pashinyan. Como na veciña Xeorxia coa aprobación da “Lei Rusa” contra axentes estranxeiros, en Armenia líbrase un pulso xeopolítico entre Rusia e Occidente que pode explicar a eventual ampliación dunha “frente de guerra” de Ucraína ata o Cáucaso.
E volvemos a Ucraína e Europa. En Kiev os servizos de seguridade felicítanse porque as armas da OTAN prometidas para as forzas armadas ucraínas xa están tendo efecto en ataques dentro do territorio da Federación rusa. O que é o mesmo; xa comeza a evidenciarse en Ucraína unha guerra directa a cámara lenta entre a OTAN e Rusia. Non obstante, en Kiev e Bruxelas son conscentes do desequilibrio militar co respecto a Rusia, dos avances da contraofensiva militar rusa (Járkov), dos problemas de Zelensky para recrutar efectivos e da necesidade imperiosa dunha axuda occidental que non se traduza unicamente en armamento e diñeiro senón tamén en tropas especializadas.
Cando menos se atendemos as declaracións dalgúns dos seus líderes, Europa xa observa case como inevitable este conflito con Rusia. Ante a pretendida “ameaza rusa”, Alemaña ensaia retornar ao servizo militar obrigatorio; Polonia leva tempo acelerando a instrucción militar entre a poboación civil. Incluso xa se albiscan novos escenarios de conflito: os países bálticos; Polonia; Moldavia-Transnistria.
Finalmente, a UE vive a resaca do ascenso dos populismos, da ultradereita e dos partidos euroescépticos nas recentes eleccións parlamentarias, que ocuparían case o 25% do vindeiro Parlamento europeo. O momento político na UE non é doado para as súas elites e menos algúns a situación dos seus presidentes, como é o caso do francés Emmanuel Macron, quen debeu convocar eleccións lexislativas anticipadas, moi golpeado polo ascenso da ultradereita de Marine Le Pen. De feito, figuras da dereita francesa comezan a achegarse a Le Pen con algunhas consecuencias políticas, como foi a expulsión de Éric Ciotti, como líder do conservador Los Republicanos.
Tampouco lle vai ben ao chanceler alemá Olaf Schölz, que ve o ascenso da ultradereita de AfD, a quen acusan de presuntamente ter vínculos co Kremlin. Macron e Schölz, presentes no G7, ven condicionado e golpeado o histórico eixe París-Berlín que sempre manexou o europeísmo da UE. O horizonte electoral é preocupante para eles: Alemaña (2026) e Francia (2027) terán eleccións xerais nun contexto de guerra en Ucraína, quen sabe se guerra directa con Rusia e ascenso da ultradereita e dos populismos euroescépticos.
Se ben non está na UE polo Brexit pero si na OTAN e no G7, o primeiro ministro británico Rishi Sunak, tamén presente no cumio de Savelletri, xógase o seu cargo nas eleccións xerais convocadas para o vindeiro 4 de xullo. Toda vez a presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, fai tempo para consolidar un novo mandato ata o 2029 pactando se é necesario coa ultradereita en ascenso.
Mentres se fala con normalidade dunha escalada bélica como se fose dunha Champions League militar, a “ameaza rusa” é o “inimigo conveniente” para un Occidente ‘atlantista’ que tenta reconstruírse pero amosase transtornado polo feito de que precisamente Rusia resiste e segue en pe; e porque os recentes resultados electorais en Europa non son os esperados e Moscova xoga tamén con forza neste escenario.
Antecedendo ao cumio do G7 celebrouse en San Petersburgo un Foro Económico Internacional (5-7 de xuño) con exitosas alianzas para Rusia con países asiáticos, africanos e latinoamericanos. Moscova manexa con China un novo eixe Sur-Sur que tamén ten incidencia dentro dos BRICS: Turquía, membro da OTAN, anunciou o seu intereses en ingresar nese organismo, que pode ter a súa antesala no vindeiro cumio dos BRICS a celebrarse en novembro na localidade rusa de Kazán. Mantendo igualmente os seus equilibrios xeopolíticos, Turquía comeza cada vez máis a apostar por un ascendente eixe euroasiático sino-ruso despedíndose discretamente de Occidente.
Todo isto gravitaba en torno ao G7 de Savelletri. Tocáballe a Italia realizar este cumio do G7 pola súa presidencia rotativa. A anfitriona Giorgia Meloni, exhultante polos seus bos resultados electorais do 9X, fixo do encontro un espazo de relaxación estilo Dolce Vita para preparar un segundo semestre de 2024 que se apremia convulso e difícil. Porque o ollo de Bruxelas está en Washington, nesas presidenciais en EEUU entre Trump e Biden, cada quen apremiado, directa ou indirectamente, por escándalos coa xustiza. Un Biden que busca a reelección pero atenazado en dúas guerras nas que manifesta o seu “dobre raseiro”: mentres arma a Ucraína pide o cese ao fogo en Gaza.
“Neste cumio do G7, Meloni busca tamén o seu escaparate internacional para potenciar unha axenda “ultra e “antiprogresista”, cada vez máis afianzada a nivel global”
En Savelletri estiveron tamén presentes o presidente brasileiro Lula da Silva, un crítico coa axuda a Ucraína e moi próximo ao eixe sino-ruso vía BRICS, e o polémico e extravagante mandatario arxentino Javier Milei, aliado de Meloni e nova “superstar” da ultradereita populista e liberal transatlántica. Mentres desmantela o Estado, a Arxentina está a vivir violencia nas rúas con protestas polo programa de shock de Milei que, segundo estudos de peso, ten aumentado a pobreza ao 55%. Neste cumio do G7, Meloni busca tamén o seu escaparate internacional para potenciar unha axenda “ultra” e “antiprogresista”, cada vez máis afianzada a nivel global.
Por certo, hoxe 14 de xuño comeza en Alemaña a Euro 2024. E a vindeira semana en virá a Copa América. Un mes completo de fútbol de alto nivel, con Messi, Mbappé, CR7, Neymar no centro de atención. E xa sabe, fútbol, pan e circo para o pobo mentres o mundo deslízase cara o escenario máis perigoso e convulso desde a II Guerra Mundial.