Cadernos da viaxe.
A mensaxe da fin de ano do Presidente Rueda reflectiu moi a xeito esa falla de pulo, proxecto e mesmo de concepto que son características do seu Goberno desque asumiu o cargo no maio último.
Probábelmente enchoupado no seguidismo a respecto da radicalizada polarización do PP estatal de Feijóo e, logo do evidente fracaso amosado na crise pandémica polas receitas da dereita neocon, Rueda semella non saber onde están os problemas, as prioridades e-sobre todo-os recursos deste País. Non existe un só proxecto de goberno que non sexa a continuidade co Xacobeo na súa actual fasquía, sen a máis pequena análise a respecto da súa fala de sostibilidade e do seu dano a medio prazo a respecto da promoción turística que precisa este País.
Segue sen existir unha política industrial e o Presidente non foi quen de vertebrar, canda o tecido empresarial galego, proxectos Next Generation (alén do moi pouco definido de Altri para Palas de Rei) que teñan boa capacidade de tracción da nosa economia, que xa reflectiu no 3T de 2022 un crecemento menor (4,4%) ca o estatal (6,8%). A inoperancia da Xunta agrava para Galicia as resultas da xestión centrípeta e centralizada deses fondos europeos polo Goberno do Estado.
“Segue sen existir unha política industrial e o Presidente non foi quen de vertebrar, canda o tecido empresarial galego, proxectos Next Generation“
A sanidade pública galega, nomeadamente a atención primaria, recolle as resultas de trece anos de desmontaxe do PP, que tensionou e chegou mancar o seu esencial capital humano.
Por outra banda, nun País cun peso cada vez máis grande da terceira idade, non existe máis plan sociosanitario que seguer a privatizar este servizo ás multinacionais e garantirlles negocio en troques da falla de esixencia dos parámetros de calidade mínimos na atención, alimentación e coidados das persoas usuarias. Canto á educación e ás nosas Universidades nada sabemos a respecto da análise da situación e solucións que propón este Goberno.
Mais o peor de todo é esa permanente actitude provincial e provinciana de quen (en estricta continuidade coa longa xestión de Feijóo) semella ter demitido das súas responsabilidades a respecto dos nosos problemas e intereses, agachado como está no coro do intérprete da rúa Xénova.
Existe falla de proxecto, pulo e liderado e isto recoñécese en privado por persoeiros de variadas ponlas do PP galego, conscientes de que os vindeiros meses poden ser os últimos da longa estadía dos populares na Xunta.
“Existe falla de proxecto, pulo e liderado e isto recoñécese en privado por persoeiros de variadas ponlas do PP galego”
Velaí a necesidade e a urxencia de que Ana Pontón dende o BNG encha este baleiro con propostas e proxectos que xunten as luces longas da visión de futuro coa inmediata aplicabilidade de medidas que non poden agardar.