Un idioma prohibido.

 

O profesor Xesús Alonso Montero conta no seu libro “A batalla de Montevideo” a denuncia dos agravios lingüísticos do franquismo, feita na VIII Conferencia da UNESCO celebrada en Montevideo en 1954, polos galeguistas do exterior e escrita por Ramón Piñeiro desde Galiza. Os agravios son de todos coñecidos: peche do Seminario de Estudos Galegos, prohibición da revista GRIAL (que rexurdiría -non sen problemas- en 1963), prohibición do uso público do galego (incluso nas xuntanzas da Real Academia Galega),… Prohibicións feitas por xerarcas fascistas como Juan Aparicio e outros. Estas denuncias son un legado máis do grupo Galaxia (no que destacaban Ramón Piñeiro, Xaime Isla, Fernández del Riego e outros) que defendeu o noso idioma e a nosa cultura nos anos difíciles do franquismo. Eu non podo contar máis, pero podedes ler o libro se queredes datos e explicacións ao respecto.

O que si podo facer é resumir brevemente a denuncia en si, pois é pública e xa a coñecía previamente. Dise textualmente: “ O Estado español vén exercendo desde 1936 unha teimosa prohibición encol do cultivo das linguas rexionais fornecidas de tradizón cultural enxebre”. Critica o control absoluto que exerce o Estado sobre a vida cultural, pois non podía publicarse ren sen ser autorizado previamente pola censura. Denuncia o carácter subxectivo e non legal desta prohibición. Fala da prohibición de publicar revistas e xornais en galego, catalán ou éuscaro, así como artigos e noticias soltas nos diarios autorizados. A prohibición de empregar o galego en conferencias e actos culturais (desafiada por Otero Pedrayo en 1949 en Ourense, no xardín do Posío). A prohibición de que os mestres/as e cregos empreguen o galego. A non ensinanza deste idioma en ningún organismo educativo oficial. E remata dicindo que o Estado español priva a 8.500.000 de cidadáns do cultivo da súa lingua propia. Asinan a denuncia Os Centros Coruñés, Ourensán, Pontevedrés, Betanzos e Corcubión e a Irmandade Galega. Fraga Iribarne tamén estaba, pero do lado franquista.

“A represión lingüística e cultural foi perdendo en parte algo da súa crueza. Pero isto -non nos enganemos- non é un problema totalmente superado no actual Réxime do 78”

A resultas destas denuncias e da evolución das circunstancias, a represión lingüística e cultural foi perdendo en parte algo da súa crueza. Pero isto -non nos enganemos- non é un problema totalmente superado no actual Réxime do 78. En todas as etapas históricas houbo prohibicións ou marxinación do galego por parte do Estado español. E na actual tamén, como denunciamos acotío as persoas e entidades que defenden a lingua de noso. Aínda que se persegue o mesmo fin (afogar o noso feito diferencial) os métodos son menos drásticos; por iso a Xunta do PP e o Goberno central -que a apoia nesta materia- téñense por moi demócratas e civilizados… porén con adoito nin tan sequera cumpren coa lexislación vixente. Por que na Constitución española non se fai referencia ás discriminacións por razón de lingua? Porque ese problema non existe oficialmente. A propia Constitución xa é discriminatoria: impón o español alí onde se falan outras linguas e non estabrece o deber de coñecer estas nos seus respectivos territorios.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.