Tui | Miles de persoas disfrutaron da primeira fin de semana das festas de San Telmo na que a música, a gastronomía e os premios Cidade de Tui foron os grandes protagonistas.
Seis mil persoas vibraron con Heredeiros da Crus
Preto de seis mil persoas vibraron onte á tarde co concerto que ofreceron Heredeiros da Crus. O lendario grupo galego volveu aos escenarios en Tui para presentar o seu novo traballo discográfico, pero tamén para cantar xunto cos seus fans o seus grandes éxitos. Dúas horas nas que o rock galego resoou neste domingo de festas. Dende o escenario os integrantes de Heredeiros da Crus ofreceron un espectáculo musical que fixo cantar e bailar ao público que encheu a carpa ao longo de todo o concerto.
Na xornada anterior, o sábado pola noite, por motivos de seguridade suspendeuse o I Encontro de Bandas de Gaitas, e o concerto de G-Face. Este último terá lugar este xoves, 24 de abril, ás 22 h no Espazo Feiral no que o artista iniciará a súa xira G-Face na casa. Por cuestións de axenda das catro bandas tudenses non será posible realizar o I Encontro durante as festas de San Telmo e estanse a barallar outras datas para levalo a cabo.
Premios Cidade de Tui I e exposición de maquetas José Martínez Clotet
Manuel e Marita Vázquez de la Cruz recibiron de mans do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro o Premio Cidade de Tui na Categoría Individual, e Horacio Santarelli, presidente da Sociedad Tuy Salceda. Asociación Mutual, Cultural y Recreativa de Bos Aires o premio á entidade na Categoría Colectiva por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, no acto institucional celebrado no Teatro Municipal. No mesmo houbo un recoñecemento póstumo a Javier Sánchez de Dios, Xabier Añoveros Trias de Bes e Xosé Martínez Tato.
A Banda de Gaitas de Paramos actuou neste evento, tras o cal tivo lugar a inauguración da mostra “A fermosura do pequeno” na Sala Municipal de Exposicións na que se recolle a obra de José Martínez Clotet, con maquetas tanto da súa colección coma de Alejandro Pardo. A de maior tamaño, ubicada na parte central da sala, é a maqueta de Tui e Valença unidas pola vella Ponte Internacional, pero tamén se presentan outros edificios emblemáticos de Tui a pequena escala, así coma todas as igrexas parroquiais de Tui. Do mesmo xeito a mostra recolle as maquetas de todas as fachadas dos edificios do Paseo da Corredoira dende a Glorieta de Vigo até os soportais.
IV Encontro de Viños da Raia
O Mercado de San Antonio acolleu con gran éxito o IV Encontro de Viños da Raia, que superou amplamente a participación das edicións anteriores. Un claro exemplo deste crecemento foron as máis de 1.300 copas conmemorativas vendidas, que deron conta da excelente acollida por parte do público.
Participaron no evento as adegas Corisca e Quiñóns da Insua (Tui), Edmund do Val (Valença), Sergio Álvarez, Adega Pateira, Jorge Marcote e Adega Xesteiro (O Rosal), Márcio Lópes (Melgaço), Adega do Ricón, Chan de Vide e Miguel Alonso (Arbo), e María Bargiela (Salvaterra), que ofreceron as súas creacións enolóxicas. A oferta gastronómica tamén foi destacada, coa participación de Almacén Urbano, D’Calle, Maruxa Market e Vionkas, que deleitaron os asistentes con especialidades salgadas e doces. Esta edición destacou tamén polo seu compromiso ambiental, sendo recoñecida como Festa Sostible. Compre indicar tamén a boa acollida que tivo o emprazamento desta actividade no Mercado de San Antonio tanto por parte das adegas coma do público en xeral.
No mesmo Mercado de San Antonio o sábado ao mediodía o actor, monologuista e contador de historias Avelino González deu lectura ao pregón das festas. Neste espazo actuaron tamén durante a fin de semana as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo.
A música tradicional
O Teatro Municipal de Tui acolleu onte á tarde o tradicional Festival Folclórico Festas de San Telmo coa participación de 9 agrupacións tudenses que interpretaron muiñeiras, pandeiros, maneos, xotas… Darraia, Santa Columba de Ribadelouro, San Telmo, Traxe Tradicional de Tui, Seixos Albos de Areas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro e Xuntanza de Randufe amosaron a riqueza do noso folclore e vestimenta tradicional. Algunhas das persoas integrantes destas agrupacións fixeron onte a súa primeira actuación en público neste festival.
Mentres o Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela acolleu onte tamén os primeiros concertos das festas. Así pola mañá actuou a Banda de Música Popular de Tui e pola tarde a Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Mentres á noite o grupo Good God! pechou a programación deste domingo de festa.
A programación das Festa de San Telmo continúa até o próximo luns, 28 de abril, festivo local na cidade, con novas propostas para todos os públicos.