A Guarda | En Galicia foron aprobados 16 proxectos de sostibilidade turística entre os cales se atopan o “PSTD A Guarda” cun orzamento de 1.000.000 € e o proxecto “Despensa de Galicia”, financiado con 1.500.000 €, presentado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, unha agrupación de 14 concellos entre os que tamén se atopa a Guarda.
O principal obxectivo que se tivo en conta para elaborar o “PSTD A Guarda” foi o de consolidar o turismo mediante unha serie de accións que reforcen a sostibilidade do destino apoiándose nos seus recursos fundamentais: a gastronomía, o patrimonio cultural e o patrimonio natural, que o converten nun destino único onde o mar, río e patrimonio material e inmaterial xeran unha paisaxe singular e crean sinerxías coas actividades do sector privado, ao que se lle atribuirá unha maior gobernanza.
Foron moitos os axentes locais que participaron na elaboración e apoio do “PSTD A Guarda”. O concello agradece a todos os particulares, empresas e entidades que, ben a través de reunións sectoriais, cartas de apoio ou enquisas se implicaron neste proxecto turístico. Estas achegas foron fundamentais para conseguir o financiamento.
O plan inclúe, entre outras actuacións: a protección e rexeneración do ecosistema dunar da praia do Muíño, actuacións relacionadas coa mellora da xestión do uso do Monte Trega, implantando medidas que regulen o acceso a este espazo de alta presión de visitantes coa creación dun estacionamento disuasorio na zona da Porta do Trega.
Un novo proxecto artístico para o dique norte coa incorporación de iluminación artística. A mellora do tramo de senda da estrada de Camposancos, entre o cruce co paseo de Portugal e a entrada do barrio do Couto. O impulso á náutica deportiva e tradicional coa instalación de pantaláns flotantes no porto da Guarda e na Pasaxe. A posta en valor da Guarda como destino gastronómico, a creación de contidos dixitais e a dixitalización da comercialización dos servizos turísticos municipais.
Este ambicioso Proxecto Sostible de Turismo en Destino desenvolverase en tres anualidades entre o 2023-25 e dará resposta a necesidades e demandas que tan unha vila turística como A Guarda na que é necesario potenciar a gobernanza e modernización do sector.