A Guarda | O pasado martes día 27 de decembro o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, trasladáronse ata Santiago de Compostela para participar na presentación dos diferentes proxectos de modernización dos destinos turísticos de Galicia que se poñen en marcha dende o Goberno do Estado e que suman investimentos por valor de 85.7 millóns de euros, dos cales A Guarda recibirá 1 millón de euros para o seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou o pulo extraordinario do Goberno de Pedro Sánchez á modernización dos destinos turísticos de Galicia con investimentos en 34 proxectos de sostibilidade turística que impactan na totalidade do territorio galego: “É o Goberno de Pedro Sánchez o que impulsou na crise da COVID a figura dos Plans de Sostibilidade Turística e é este Goberno o que, coa colaboración do resto de administracións, co liderado da ministra Reyes Maroto, e coa oportunidade histórica dos fondos Next Generation, está a promovela por todo o territorio”.
José Miñones mantivo este martes en Santiago unha reunión con responsables das administracións implicadas nestes investimentos, na que estiveron presentes Antonio Lomba e Rafa Álvarez, para avaliar o seu impacto no territorio e no sector. O delegado detallou que, dende ano 2020, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio resolveu tres convocatorias ordinarias e dúas extraordinarias para financiar a execución destes plans de modernización de destinos turísticos.
Este ano 2022, a convocatoria extraordinaria resolveuse o pasado 14 de decembro. En Galicia, esta resolución suma 16 accións máis ao listado anterior, cunha achega do Goberno de 34,5 millóns de euros.
A suma do total de aportacións do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dá como resultado 85,7 millóns de euros de fondos estatais en 34 destinos “para crear en Galicia un novo modelo turístico baseado en criterios de sostibilidade e de calidade ao máximo nivel internacional”, sinalou o delegado.
Neste foro, o delegado do Goberno reiterou o papel das entidades locais de Galicia neste ámbito, xa son as encargadas de deseñar e de executar a maior parte das actuacións que financia o Goberno e que “dinamizarán cidades, vilas e aldeas de toda Galicia”.
A execución corresponde, nos Plans de Sostibilidade, ás entidades locais promotoras de cada iniciativa, e nas Actuacións de Cohesión Territorial, á Xunta de Galicia. O Goberno transfire o orzamento íntegro ao Goberno Autonómico e esta administración é a que, posteriormente, inviste nos seus proxectos e fai chegar as cantidades adxudicadas a concellos, mancomunidades, agrupacións ou deputacións provinciais para desenvolver os seus propios.
– PSTD “A Guarda”. Concello da Guarda. 1.000.000 euros. O plan inclúe actuacións relacionadas coa mellora da xestión do uso público do espazo natural do Monte de Santa Tegra implantando medidas que regulen o acceso nun espazo da alta presión en número de visitantes (fomento da mobilidade sostible), así como de protección e rexeneración do ecosistema dunar da praia do Muíño.