Os últimos días temos asistido a mortes célebres, cada unha cun impacto determinado dentro do seu ámbito profesional e persoal. Primeiro foi o Premio Nóbel peruano Mario Vargas Llosa. Case simultáneamente, dous arxentinos: o Papa Francisco e o excéntrico futbolista Hugo “Loco” Gatti. Todos eles octoxenarios; todos eles únicos no seu cometido. E os tres, latinoamericanos, curiosamente ligados a ese fenómeno de masas reconvertido en big bussiness como é o fútbol.
De Vargas Llosa fálase moito como un dos principais representantes do “boom” literario latinoamericano das décadas de 1960 e 1970, cando uns mozos e talentosos escritores fixeron da súa estancia europea en París e Barcelona un laboratorio de creatividade artística que, como foi no seu caso, tamén tivo impacto en canto as súas ideas políticas (pasou da cándida seducción da Revolución cubana a defender o ultraliberalismo e o anti-populismo) así como polas súas pretensións por ter presenza na “jet set”. Porque como no caso do seu “amigo-inimigo” Gabriel García Márquez, non se pode comprender América Latina e o seu “realismo máxico” sen a obra de Vargas Llosa.
“Non se pode comprender América Latina e o seu ‘realismo máxico’ sen a obra de Vargas Llosa”
Toda vez, o peruano nacionalizado español foi tamén prolífico na súa vida amorosa. Casado durante anos coa súa curmá Patricia Llosa Urquidi, Vargas Llosa terminou ingresando na prensa de papel “rosa” e na “dolce vita” a través da súa relación con Isabel Preysler. Amante da literatura francesa, membro da Real Academia Española e da Academia de Letras Francesas, con maneiras de gentleman aristocrático, Vargas Llosa tamén gostaba do fútbol: foi simpatizante do Real Madrid. O clube merengue realizoulle unha homenaxe na antesala do seu partido de Champions League contra o Arsenal inglés.
Máis impacto, obviamente pola súa condición, ten a morte do Papa Francisco. O xesuíta ex porteiro de discoteca aficionado ao clube San Lorenzo fixo a súa última aportación como Vicario de Cristo na Terra coa Urbi et Orbi no Vaticano para conmemorar a pasión, morte e resurrección de Xesucristo nesta Semana Santa que anunciou a súa partida deste mundo. Independentemente da cor política, os mass media tentan analizar o legado dun admirador do “Che” Guevara, un “revolucionario sen revolución” a quen a vida lle deu a oportunidade de dirixir un centro apostólico de poder como é o Vaticano.
Un Papa “futbolero” a quen a política non lle era allea: de ideas esquerdistas, despediuse na súa última audiencia criticando o xenocidio israelí de Gaza. Nas vésperas da súa partida foi visitado polo vicepresidente estadounidense J.D. Vance, cuxo protagonismo político é tan evidente que xa se lle cataloga como o abandeirado do “trumpismo sen Trump”. Por certo, agora que o Cónclave Vaticano debe reunirse para elexir a un novo Sumo Pontífice, a intrigante visita de Vance deixa unha interrogante no ar: Habemus Papa “trumpista”?
“Un Papa ‘futbolero’ a quen a política non lle era allea”
Finalmente, cun impacto moito menor, coñecimos o deceso do “Loco” Gatti. Quen fora porteiro (non de discoteca, que se saiba) de clubes como River Plate, Unión de Santa Fé, Gimnasia y Esgrima La Plata e Boca Juniors, entre outros, pasará á memoria do aficionado polo seu estilo e indumentaria únicas.
Tanto como o Papa Francisco tentou imprimir un estilo diferente na ríxida estrutura do Vaticano, Gatti quizo revolucionar a posición de porteiro. Non lle gustaba que lle denominaran como gardarredes senón como “xogador de fútbol”. Xogaba o balón cos pés, cos calcetíns abaixo, mangas curtas, unha cinta na súa fronte, e saía da súa área para participar no xogo colectivo cun estilo entre rockero e hippie que lle daba unha identidade para o aficionado. O seu peso no fútbol arxentino foi relevante, ás veces quizáis máis simbólico e mediático, pero a súa imaxe tamén transitou a través do seu labor como polémico tertuliano en programas de audiencia como El Chiringuito. Como no caso de Vargas Llosa, o Real Madrid foi tamén a súa pasión.
“A Gatti non lle gustaba que lle denominaran como gardarredes senón como ‘xogador de fútbol”
Tres personaxes únicos no seu estilo pero con legados diferentes, non menos controvertidos e polémicos pero que non pasarán inadvertidos para unha audiencia ávida de historias nestes tempos de uniformidade e de mediocridade.