Monforte de Lemos | O vindeiro xoves día 15 de novembro instalarase un novo contenedor para a recollida de aceite doméstico usado. Este colector, sen custo algún para o Concello, situarase na rúa Calvo Sotelo, xunto ós contenedores soterrados que se atopan nas proximidades da Escola de Idiomas.
A concellería de Medio Ambiente, diante do notable incremento que está rexistrando o depósito de aceite, chegou a un acordo coa empresa Procesadora Gallega, encargada da xestión desta recollida, para aumentar o número de contenedores na cidade.
O concello de Monforte iniciou a instalación destes contenedores no mes de decembro do ano 2007 coa colocación de tres colectores na zona do Hospital, na rúa Coruña e na avda. de Galicia. No ano 2009 instalouse outro colector en Carude, no 2010 fíxose o propio nas rúas Roberto Baamonde, Malvarón (cruce con Benito Vicetto) e Ourense (cruce con Teceláns), e a mediados do 2011 instalouse outro colector na rúa San Pedro. A estes oito contenedores sumarase o próximo xoves o que se instalará na rúa Calvo Sotelo.
Este xoves tamén se volverán colocar os contenedores das rúas Corredoira e avenida de Galicia, retirados hai unas datas coa finalidade de reparalos.
Os datos da recollida de aceite doméstico usado nos primeiros oito meses do ano 2012 reflicten un enorme incremento deste tipo de recollida, superando nun 68 % os datos mensuais do ano 2011.
No ano 2010, en 7 contenedores recolléronse 2.190 kg. de aceite usado, no 2011, en 8 contenedores recolléronse 1800 kg., e nos primeiros oito meses do ano 2012, en 8 contenedores, recolléronse 2.018,94 kg.
A media de quilogramos recollidos mensualmente nestas anualidades foi de 182,50 kg. mes no ano 2010, 150 kg. mes no 2011, e 252,37 kg. mes nos oito primeiros meses do ano en curso, o que supón un aumento do 68,25 % respecto dos datos mensuais do ano 2011.
Dende a concellería de Medio Ambiente agradécese a colaboración veciñal no proceso da reciclaxe do aceite usado, animando á cidadanía a continuar na mesma liña e lembrando que un quilo de aceite usado que tiremos polo vertedoiro contamina mil cen litros de auga limpa dos nosos ríos. Se extrapolamos esta máxima ós datos da xestión do aceite doméstico usado dos derradeiros anos obteríamos qué, co xesto de eliminar correctamente este residuo, evitamos a contaminación de 2.409.000 litros de auga no ano 2010, de 1.980.000 no ano 2011, e nos oito primeiros meses do 2012 teríamos impedido a contaminación de 2.220.834 litros de auga dos nosos ríos.
O aceite doméstico usado debe depositarse nos propios envases que se utilizan para levalo ó colector, envases que deberán ser obrigatoriamente de plástico.