Madrid | O Consejo de las Mujeres do Municipio de Madrid, creado en 2002 polo exalcalde popular Álvarez del Manzano, participará nas protestas cidadás. O propio ministro de Xustiza outorgoulles un premio cando dirixía o concello da capital. Esperanza Aguirre suprimiu un ente similar no Executivo autonómico como medida de aforro.
As protestas contra a lei anti-aborto impulsada polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, tamén chegan desde o propio concello de Madrid, a súa anterior casa política. Aínda que a alcaldesa da capital, Ana Botella, defende o seu mentor, frente a outras voces de PP madrileño que cuestionaron o anteproxecto, como é o caso da delegada do Goberno, Cristina Cifuentes, non se pode dicir que o texto fose ben acollido nun organismo da súa propia administración: o Consejo de las Mujeres do Municipio de Madrid.
Esta entidade, nacida no último mandato de José María Álvarez del Manzano (PP), promove desde o Consistorio unha oposición frontal à derogación de facto da Lei Aído que persigue a reforma lanzada polo Executivo de Mariano Rajoy. Presidido por Lourdes Hernández Ossorno, este consello, que aglutina a medio centenar de asociacións de mulleres, ten previsto sumarse às próximas mobilizacións na rúa para esixir ao Goberno que recúe na penalización da interrupción voluntaria do embarazo.
Desde este organismo municipal seguen a convocatoria realizada pola Coordinadora Feminista Estatal para celebrar unha reunión o 15 de febreiro con tódolos grupos de mulleres contrarios à proposta lexislativa. Alí abordarán a posibilidade de organizar unha manifestación estatal con apoio internacional do que consideran “un verdadeiro ataque à mulleres en xeral e ao movemento feminista en particular”.
Desde a súa constitución o 22 de maio de 2002, aprobada en Pleno e por unanimidade a proposta de creación que formulou a que era entón Dirección de Servicios de Promoción de la Igualdad y Empleo, o Consejo de las Mujeres do Municipio de Madrid sobreviviu, segundo lamentan os seus integrantes, a incumprimentos administrativos, como o impagamento de débedas contraídas polo concello, e a severos recortes na súa capacidade operativa.
Gallardón prohibiu en 2008 que o Consejo de las Mujeres do Municipio de Madrid recibira subvencións non correspondentes às outorgadas polo concello e tampouco as garantizou.
O 13 de febreiro de 2008, con Gallardón na alcaldía, o Pleno do concello aprobou so cos votos do PP unha importante modificación do regulamento do Consejo no que se refere ao seu réxime económico. O Goberno popular prohibiu que esta entidade recibira subvencións non correspondentes às do Consistorio e tampouco garantizou a concesión das mesmas, porque suprimiu o artigo que establecía unha axuda fixa anual, con cargo ao Presuposto Municipal.
Igualmente, o Executivo local pechou a porta a que o referido organismo se financiara con doazóns de persoas ou entidades privadas, colaboracións das súas asociadas ou os rendementos que puideran xerar as actividades propias. O Executivo de Gallardón limitou a redactar que “facilitaría os locais adecuados para que o Consejo poida desenvolver as súas actividades, proporcionando os medios necesarios para o adecuado cumprimento dos fins que son propios dele”.
Un par de anos mais tarde, despois de tirarlle os mencionados recursos, o ministro de Xustiza actual outorgou ao Consejo de las Mujeres do Municipio de Madrid o premio honorífico Clara Campoamor que anualmente concede o concello da capital coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. O propio Gallardón, en calidade de alcalde, fixo entrega do galardón à presidenta do organismo, Lourdes Hernández Ossorno.
A austeridade no gasto
A chegada de Botella à alcaldía supuxo poucos cambios respecto ao tratamento do Consejo. A rexedora mantivo esta entidade na estrutura municipal e non seguiu as pegadas da súa compañeira de filas e expresidenta madrileña, Esperanza Aguirre, que eliminou en 2010 un órgano similar no Goberno autonómico como medida de aforro. O Consejo de la Mujer da Comunidade de Madrid tiña sido creado en 1993 e estaba formado por 143 asociacións. O anuncio chegou poucos días despois de que se aprobaran os Presupostos rexionais para 2011, onde a contía destinada a este colectivo ascendía a 200.000 euros.
Tomada de lamarea.com