Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña, a través da Área de Normalización Lingüística, bota a andar este mércores a campaña ‘Un outono cheo de letras’. A iniciativa, que se estenderá ao longo do mes de outubro, quere mostrar o firme compromiso da institución provincial co fomento da lectura e o libro galego.
A campaña, que se desenvolverá a través das redes sociais, fará fincapé na importancia que ten a lectura á hora de formar persoas e sociedades máis abertas e libres. A iniciativa tamén reparará en como olibro galego contribúe a termos unha visión propia do mundo e á dinamización da nosa lingua.
A campaña ofrecerá contidos dirixidos a fomentar a lectura desde os primeiros anos de vida, o coñecemento de recursos (librarías, bibliotecas…) e o decisivo que é este hábito á hora de igualar social e culturalmente á cidadanía.
Para isto, ademais dunha imaxe gráfica específica, o proxecto lanzará microentrevistas con diferentes actores sociais, vídeos divulgativos e entradas que mostran a importancia que tivo e ten o libro galego tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. Tamén se fará referencia aos distintos premios cos que a Deputación fomenta a creación na nosa lingua e os programas e organismos para fomento da lectura.
‘Un outono cheo de letras’ ponse ao lado de todas as persoas e empresas que traballan cada día nun sector cun forte peso simbólico (e económico), historicamente clave no proceso de normalización lingüística. Cómpre lembrar que detrás de cada libro en galego hai creadoras, ilustradoras, maquetadoras, editoras, correctoras, fotógrafas, tradutoras, distribuidoras, libreiras, xornalistas…Un universo de homes e mulleres que contribúen a espallar o saber, o gozo e o pensamento coas nosas palabras.
Concurso e ‘bonos-libros’
Os e as internautas serán protagonistas da compaña, xa que están convidadas a compartir os contidos que se vaian lanzando a diario. As persoas participantes que compartan en Facebook, Twitter ou Instagram post da campaña entrarán no sorteo de 10 bonos-libros (valorado cada un en 100 euros). As persoas gañadoras poderán empregar estes abonos na libraría da provincia da Coruña que libremente elixan.