Ponteareas | A petición do BNG, a Corporación Municipal realizou este 31 de marzo o pleno municipal sobre o estado do Concello. Un pleno previamente condicionado polo malestar da oposición en torno ao seu inusual horario, as 8 da mañá, que imposibilita a presenza da veciñanza.
Con frecuentes momentos de tensión e de interrupción das quendas de palabra, o debate enfocouse no labor que leva a cabo desde 2023 o goberno municipal PP-ACIP-IP.
A Alcaldesa Nava Castro e o Tenente de Alcaldesa Juan Carlos González destacaron principalmente a posta en marcha de iniciativas como as novas ludoteca e escola infantil; a ampliación da cobertura ao SAF cun “histórico orzamento de 5.984.640€”; a primeira residencia de artistas Artistea e a sede da extensión universitaria da UNED; a rehabilitación da Freixa; o primeiro coworking e centro de dixitalización no CEDEP; a reactivación da Atención Temperá; os pagos de facturas pendentes; a aprobación do documento estratéxico do Ciclo da Auga para garantir o abastecemento; e o novo mercado municipal na antiga nave de Aceros del Tea, entre outros.
A oposición: “propaganda, postureo e caciquismo”
As reaccións da oposición non se fixeron agardar. O voceiro do BNG Miguel Bouzó valorou o debate como “unha nova mostra da propaganda do goberno de Castro e a dereita” que “vive de rendas, recollendo os froitos da xestión do anterior goberno liderado polo BNG”. Culpabilizou a Castro e González “do desastre urbanístico de Ponteareas” por “querer destruír con promotores inmobiliarios o Plan Urbanístico vixente desde 2021”.
Pola súa banda, a voceira socialista Vanesa Fernández cualificou de “postureo” e de “conducta tan pouco democrática e opaca” o horario do pleno, indicando que o goberno de Nava Castro “ten unha ducia de peticións de acceso a expedientes sen contestar e moitas solicitudes de veciños e veciñas”. Indicou que seguen paralizados o saneamento e abastecemento de auga, “con 36 fosas sépticas espalladas polas parroquias”; a mellora da recollida do lixo a pesar “da brutal subida da súa taxa a un 85%”; e o plan parcial do polígono industrial da Lomba. Criticou tamén a “nula seguridade viaria” e de “cultura nas parroquias” así como a utilización de edificios como o do centro cívico para Artistea e a nave de Aceiros del Tea como novo mercado municipal.
Finalmente, o voceiro de Ponteareas en Común (PeC), Manoel Ucha ironizou a intervención de Castro acusándoa de “falta de autocrítica” e de “caciqueo” como práctica de goberno.