Santiago de Compostela | Daquel amplo período da Historia no que Galicia tiña a súa propia Coroa, escribíronse preto de media ducia de textos e libros historiográficos. Pero como se contou no século XVI? Ou no XIX? Como se está a contar?
Co obxectivo de divulgar este coñecemento, un equipo de especialistas no medievo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Orestes Comunica, desenvolveron o proxecto Historia das historias do Reino de Galicia. A obra, cunha análise libro a libro, xa está dispoñible na Rede en aberto na páxina web historiadoreino.gal.
Ademais dunha relación bibliográfica contextualizada desde cinco séculos atrás, o portal en liña inclúe actividades de divulgación e materiais didácticos de descarga gratuíta que poden ser utilizados polos centros docentes. No portal poden visualizarse tamén entrevistas con historiadores galegos que publicaron, nas últimas décadas, obras relacionadas coa historia do Reino de Galicia.
O portal web busca conectar as distintas ideas do Reino de Galicia ao longo da historia. Con vocación divulgadora, o proxecto Historia das historias do Reino de Galicia partiu do corpus de libros de historias de Galicia, en xeral, e da Galicia medieval, en particular.
De acordo á metodoloxía deseñada, as obras organizáronse en catro períodos históricos: a etapa do Renacemento e a Ilustración (séculos XVI-XVIII); a etapa da institucionalización da Historia coma disciplina científica (século XIX); a etapa que vai dende a Restauración ata o fin da ditadura franquista; e, finalmente, a etapa que comeza coa Transición e chega ata os nosos días.
O equipo científico que desenvolveu esta iniciativa estivo liderado polo profesor Israel Sanmartín, co que colaboraron os doutorandos Brenda Rodríguez, Roque Sampedro, Iago Ferrás e Pablo Fernández.
O portal historiadoreino.gal preséntase este luns día 14, ás 13.30 h, por videoconferencia. A presentación do portal historiadoreino.gal terá lugar este próximo luns, 14 de novembro, ás 13.30 h por videoconferencia a través da plataforma Zoom. A convocatoria está aberta a medios e a público en xeral interesado pola historia medieval de Galicia e a súa divulgación.
Posible grazas ao apoio do Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza 2021-22, promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña, este proxecto é unha obra viva. Nos vindeiros meses ampliarase o catálogo dispoñible na Rede con novas entrevistas e tamén novos contidos elaborados para favorecer o diálogo a través das redes sociais.