O histórico final do ‘baltarismo’ na Deputación de Ourense tras máis de tres décadas de poder ‘caciquil’ da familia Baltar a nivel provincial debe analizarse dende a lectura do contexto político galego e estatal. E nesta lectura queda claro que o PP galego, acurralado ante os desmanes escandalosos de Baltar á fronte da Deputación, decidiu dar un ‘volantazo’ (nunca mellor dito ante os problemas de Baltar coa DXT) da man de Feijóo e Rueda, un tándem que impón o seu ritmo, cando menos, en Galicia pero con perspectivas de adecuarse á dinámica da política estatal.
Os movementos previos á renuncia de Baltar de non volver a presentarse como presidente da Deputación ourensá poden que non sexan produto da casualidade. Un día despois de que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, realizara a última remodelación do goberno autonómico pensando nas eleccións xerais do 23-X e nas autonómicas galegas de 2024, o ata agora imbatible Manuel Baltar anunciaba a súa renuncia para presidir a Deputación ourensá para o período 2023-2027. A razón: “axudar a levar a outro ourensá, Feijóo, á Moncloa”. Dous días despois anunciaba que deixaba igualmente a presidencia do PP ourensá.
Pero obviamente é a realpolitik do 28M o que definiu o final do ‘baltarismo’. O compás político abre agora as posibilidades de negociacións para formar novos gobernos entre o Concello e a Deputación ourensá. Un PP ‘ourensá’ que agora fuxe do ‘baltarismo’ para consolidar ao eixe Feijóo-Rueda. Co 17 de xuño como data de conformación das novas Corporacións municipais 2023-2027, o PP negocia un novo equilibrio no goberno municipal en Ourense pactando ó mesmo tempo cotas de poder na Deputación co PSdeG-PSOE e o BNG.
O obxectivo non é só sacar a un Baltar lastrado polo seu estilo ‘fast and furious‘ de percorrer a vida a 215 quilómetros por hora pola A-52 (amén doutras arbitrariedades cos recursos da Deputación) senón tamén neutralizar a un Gonzalo Jácome (Democracia Ourensá) que, a pesar dos audios que confirman a súa corrupción vía ‘caixa B’, sorprendeu sendo o máis votado nas municipais do 28-M en Ourense: pasou de 7 a 10 concelleiros. O PP de Feijóo-Rueda non quere escándalos nin no seu interior (Baltar) nin con incómodos actores (Jácome) Non quere repetir en Ourense o pacto de 2019 entre Baltar e Jácome. Tralo 28M, os equilibrios políticos en Ourense son outros.
Toda vez, e previo aos cambios históricos co final do ‘baltarismo’ en Ourense, o PP e VOX pactaron goberno na Comunidade Valenciá, un ensaio de coalición de dereitas con vistas á Moncloa. Son xa varios ensaios previos (Madrid, Andalucía, Castela-León, Aragón) que buscan acondicionar o encaixe preciso para un cambio de goberno a nivel estatal. O PP de Feijóo-Rueda sabe que ten que negociar co PP de Díaz Ayuso e dar curso aos pactos con VOX. E para iso precisa ‘voltar á orde’ e disipar os escándalos asumindo o ‘sacrificio’ do ‘baltarismo’, incluso se iso implica o final da hexemonía do PP nun bastión ata agora inexpugnable como a Deputación ourensá. Toda vez este escenario é aínda incerto xa que os pactos políticos poden propiciar a renovación da presidencia da Deputación en mans do PP, pero dun partido “post-Baltar” e máis afecto aos intereses de Feijóo e Rueda.
“O PP de Feijóo-Rueda sabe que ten que negociar co PP de Díaz Ayuso e cos pactos con VOX. E para iso precisa ‘voltar á orde’ e disipar os escándalos asumindo o ‘sacrificio’ do ‘baltarismo”
Con iso, o tándem Feijóo-Rueda busca despexar o camiño de cara ás autonómicas 2024 nun momento de ascenso do BNG e de expectativas de repetir a coalición 2005-2009 co PSdeG-PSOE na Xunta de Galicia pero agora con outras tornas: co nacionalismo como principal actor. Por outro lado, Feijóo e Rueda neutralizan calquera expectativa de Baltar de dirixir, nalgún momento, o PPdeG, reducindo a un rival incómodo dentro do PP galego. Un notorio pase de factura a Baltar tras desencontros políticos do pasado.
Sen Baltar á fronte da Deputación ourensá, o seu feudo caciquil, o reacomodo de pezas políticas dentro do PPdeG favorece á hexemonía Feijóo-Rueda e redirecciona as directrices cara Xénova, a sede do PP a nivel estatal. A lectura é clara: prioridade A Moncloa este 23-X para tentar asegurar unha quinta maioría absoluta en San Caetano para 2024. Un cálculo inevitable pero tamén motivado polas circunstancias, e máis se para alcanzalo hai que pór fin á era do ‘baltarismo’ en Ourense.
Foto propiedade de eldiario.es.