Un premio vivo para unha lingua viva

A Biblioteca Sabela Labraña entrega á cineasta Margarita Ledo Andión o II Premio Letras Galegas Vivas

Barcelona | Como parte das actividades arredor do galardón, o pasado 25 de abril proxectouse no cinema Maldà de Barcelona a película de non ficción “Nación” coa presenza da directora, Margarita Ledo. A proxección dedicouse postumamente a Nieves Pérez Lusquiños, protagonista do filme, falecida o pasado 16 de abril. Estreada no ano 2020, ″Nación″ relata a incansábel loita laboral das traballadoras da fábrica de cerámica da Pontesa (Pontevedra), que pechou no ano 2001, e a súa perseveranza na defensa dos seus dereitos. O documental compleméntase con innúmeros fragmentos de memoria colectiva das mulleres silenciadas, ofrecendo un retrato profundo e poético dunha loita inconclusa.

A película foi premiada no Festival de Cinema Europeo de Sevilla en 2020 e distinguida polo Instituto da Cinematografía e Artes Audiovisuais (ICAA) como obra “especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero”. Varias ducias de persoas asistiron á proxección e participaron nun coloquio coa directora, que permitiu afondar nas motivacións e no contexto da obra.

O día 26 no Ateneu Roig, sede da asociación, realizouse o acto de entrega do premio nun ambiente de emoción e compromiso coa lingua. A xornada abriu cun debate coa propia Margarita, quen reflexionou sobre a situación actual do galego e os desafíos que afronta. A continuación houbo unhas delicadas actuacións poético-musicais e finalmente chegou o momento culminante de entrega do galardón: unha escultura do artista Anxo Baranga inspirada no universo dos libros, símbolo do saber, da memoria e da resistencia cultural.

Premio das Letras Galegas Vivas
O premio, que concede a Biblioteca Sabela Labraña, ten un carácter honorífico e nace co obxectivo de recoñecer anualmente a traxectoria dunha escritora ou escritor en lingua galega que estea vivo. A súa finalidade é pór en valor, non só a calidade literaria da súa obra, senón tamén o compromiso cultural, social e político da persoa premiada, con especial atención ás mulleres e á súa contribución á literatura e cultura galegas.

A Biblioteca Sabela Labraña propón ás institucións galegas a creación dun premio similar sen ter que agardar ao pasamento das persoas homenaxeadas, como acontece co Día das Letras Galegas, co fin de mostrar e celebrar o dinamismo da lingua galega.

Xurado e escolla da persoa premiada
A elección da persoa premiada realízase anualmente a partir de propostas feitas polas socias da ACGB ou por outras persoas da comunidade. O xurado estivo composto por Lito Caramés (profesor de secundaria, crítico de arte e escritor), Amador Castro (escritor), Alba González (propietaria da libraría La Repunantinha), Helena González e María Xesús Lama (profesoras de Estudos Galegos e Portugueses na Universidade de Barcelona)

Despois da avaliar a obra e o compromiso das cinco candidatas presentadas e a súa implicación no activismo social ou cultural, o xurado unanimemente a creadora Margarita Ledo Andión como gañadora do II Premio das Letras Galegas Vivas. Xornalista, escritora, feminista, catedrática de comunicación, membro da Real Academia Galega, cineasta e impulsora incansábel de proxectos relacionados co activismo político e cultural, Margarita Ledo foi elixida por ser unha voz coherente, sempre comprometida coa lingua, a cultura e a nación. O xurado valorou tamén as súas conexións coa lusofonía, así como con Cataluña, onde foi docente da Universidade Autònoma de Barcelona.

Sobre a Biblioteca Sabela Labraña e a ACGB
A Biblioteca Sabela Labraña conta cun fondo de arredor de 2.000 libros en galego ou sobre a cultura galega, e desenvolve actividades continuadas para promover a lingua e a cultura galegas en Cataluña. Organiza un club de lectura en galego, presentacións de libros, unha xuntanza anual de escritoras e escritores galegos residentes en Cataluña, unha ″ludotega″ para crianzas e conta-contos infantís en bibliotecas públicas catalás.

A Biblioteca Sabela Labraña forma parte da Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB), unha entidade independente, asemblearia e comprometida co país e co desenvolvemento dunha cultura galega crítica. A entidade organiza actividades relacionadas coa cultura e a música galegas, así coma actos reivindicativos. Entre as súas iniciativas destacan unha concentración contra Altri que se realizou en Barcelona o pasado 15 de decembro, e o festival Primavera Son, que se celebra no mes de maio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.