Tui | O Punto Limpo de Tui, situado en Guillarei a carón da nave municipal, conta coas súas instalacións renovadas tras as obras acometidas ao longo das últimas semanas. A renovación do peche perimetral, a construción dunha nova caseta e colocación de sinais indicativas do contedor que alberga cada tipo de residuos foron parte das melloras levadas a cabo.
Así o Concello de Tui investiu 68.000,02 euros nestas instalacións municipais financiados con cargo ás axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo no marco do Plan de recuperación transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Por unha banda procedeuse á renovación de todo o peche perimetral do recinto o que redunda nunha maior protección e seguridade deste servizo. Amais instalouse unha caseta para albergar os residuos eléctricos e electrónicos. No acceso ao Punto Limpo colocouse un cartel co seu horario de apertura, e ao longo da instalación sinalizáronse os distintos contedores co tipo de residuo, co seu correspondente código, ao que van destinados. Coas obras acometidas logrouse unha mellora significativa nestas instalacións o que redunda no seu bo funcionamento, así coma na calidade do servizo que se presta á cidadanía.
No Punto Limpo de Tui poden depositarse, nos colectores correspondentes, plásticos domiciliarios ou asimilables, excluídos os envases; porexpán; papel e cartón; envases de vidro; vidros domiciliarios; madeiras de residuos domiciliarios; restos metálicos do fogar; entullos de obras menores; voluminosos coma colchóns, sofás e outro mobiliario, restos de podas e vexetais, envase téxtiles, e outros tecidos. tamén se conta con contedores específicos para o depósito de aceites minerais e outros aceites e graxas non comestibles; aceites vexetais e graxas comestibles; disolventes, pinturas, vernices; baterías automóbiles; pilas e outros acumuladores, radiografías. cóntase tamén cun lugar específico para a recollida de electrodomésticos, equipos de informática e telecomunicacións, fluorescentes, ferramentas, ou xoguetes electrónicos.
O Punto Limpo permite a separación de residuos segundo a súa tipoloxía, facilitando o seu posterior tratamento e contribuíndo á protección do medio ambiente. Estas melloras reflicten o compromiso do Concello de Tui por ofrecer un servizo de calidade e promover a xestión sostible dos residuos. Medida que se suma a aposta pola recollida selectiva, coa incorporación de novos contedores recentemente, así coma pola compostaxe tanto individual coma a través dos catro composteiros comunitarios situados no centro urbano.
O horario de apertura do Punto Limpo, situado en Guillarei, é de 8 a 14.30 h de luns a venres, e de 9 a 13 h os sábados.