Un Toni Cantó para Galicia.

Hai unhas semanas, desatouse, en Madrid, un sunami pola designación de T. Cantó (leva cantado o seu) para rexentar o furancho (perdón, quixen dicir a oficina) para o fomento do español en Madrid.

“Entre los fines de la Oficina del Español se encuentran ‘la promoción de la Comunidad de Madrid como capital europea del español,..”

Dende o punto de vista deste profano, o clímax que alcanzaron as charletas ó respecto non debería ser para tanto; e tanto é así que, coma no caso dos sunamis, xa amainou anque o furancho (perdón, oficina) segue dando de comer ó tal Cantó.

Por outra banda, a apertura dese organismo está máis ca xustificada se temos en conta que o “Estado” de Madrid, se pola súa “raíña” fose, debería ser capital de outras moitas “cousas” que non cito por pudor e falta de espacio. O feito tampouco merece ser cualificado de descabelado, pois é obvio que o castelán que falan en Madrid ten moito de españolísimo, pero ben pouco de castelán.

Deberiamos lembrar, os que non vivimos da política, que o idioma oficial de España é o castelán (“O castelán é a lingua española oficial do Estado” (español, engado eu); art. 3, punto 1 da Constitución española). Non existe o idioma español coma tal; pois non é preciso incidir en que “nas Españas” coexisten varios idiomas, españoles todos? (afirmación  que lle vai alterar  a dixestión á ilustradísima “maxestade do reino madrileño”); a ver se se enteran eses constitucionalistas de boquilla, que citan a Lei de leis máis para ¿baboseala? ca para respectala e cumprila: ¡Coma noutros moitos aspectos da vida política cotiá!

Non é preciso ser moi espelido para nos decatar de que o castelán que se esparexe, dende o “estado madrileño” por todo o territorio das Españas, precisa dun desbroce de barbarismos (bárbaros chamaban os romanos ós que non falaban o idioma do imperio) non con cortaherbas de fio, senón con tractor provisto de cadeas.

Cos barbarismos lidos, escoitados e vistos a cotío abonda tema para escribir un tratado de…¿molonadas?

“O vocabulario que exporta Madrid a ‘provincias’, ademáis de infestado de verbas de idiomas alleos (¿papanatismo?) é un vocabulario: estandarizado, previsible, repetitivo, ampuloso”

O vocabulario que exporta Madrid a “provincias”, ademáis de infestado de verbas de idiomas alleos (¿papanatismo?) é un vocabulario: estandarizado, previsible, repetitivo, ampuloso (tumbar por non ser aprobado, as temperaturas non baixan: derrúmbanse ou caen, o equipo vencido non perde, cae), agresivo (suxírise a agresividade no deporote, sustituíndoa por outros valores coma: efectividade, eficacia, etc. ), chocalleiro… e bastante catastrofista.

É unha verborrea encorsetada (toda acción verbal arranca, non comeza..); absolutista, (os superlativos moi e …isimo quédanse pequenos, predomina o absoluto); todo é super… (os bicos ou son grandes ou fortes); é vulgarizante; ampuloso; por veces, chocalleiro; por suposto, belicoso (invencibles, heroes, lendas, guerreiros, estrelas…, menos deportistas que é o que son). A ausencia da “,” é para nota. O eloxio esstandarizado: brutal.

Doblar por duplicar.; o baile de preposicións, chocante; a concordancia e os pronomes relativos ¿xa foron  abolidos pola RAE? Pros da RTVE. existen nenos maiores de 18 anos.
Cando un escoita frases coma: “chute en vea”, “el mismo hambre”, “el partido finiquitó” “mañana ha convocado rueda de prensa el lunes”…; a un servidor danlle ganas de volver á escola (se o admitisen cos seus ¾ de século na mochila) para aprender a “nova gramática castelá” creada por incompetentes que gañan os garbanzos coa palabra. Unha verborrea cuxa linguaxe non informa, axeitadamente, sobre a realidade do tema de que se trate.

¿Para encher máis papel? as verbas estíranse coma chicle empregando derivados coma presenciabilidade por presenza. ¿Escoitaran Vdes., antes da pandemia, “vacunación”? ¡Acaso cando lavamos o coche dicimos: “lavación”?

¿O Sr. Cantó vai lograr que, polo mundo adiante, se escriba: España, coña…, ou seguiremos lendo: espana e cona?; porque para os españolistas Espana é España; pero para os galegos a diferencia entre coña e cona ten o seu… aquel. Os nativos do embigo das Españas nin saberán o que significa a que non leva “ñ”; nin falta que lles fai. Se consegue impor a “ñ”, o seu xornal está xustificado.

Volvendo á oportunidade do furancho (oficina) madrileño, coido que Galicia necesitaría  non un, senón … sete Cantós que, coa a capacidade e o interés requeridos para a defensa e a  protección que, actualmente, necesita o idioma galego, llelos puidera garantizar. Pero nós contamos co máis “capacitado” e “entusiasta” “defensor” que poderíamos desexar para o BEN, presente e futuro do noso idioma: o “erudito príncipe” das Letras Galegas, o “ilustradísimo virrei deste reino (suevo) que si o foi (o primeiro de Europa): D. Alberto Núñez Feijóo. ¡¡Para que sete Cantós…??.

“Coido que Galicia necesitaría  non un, senón … sete Cantós que, coa a capacidade e o interés requeridos para a defensa e a  protección que, actualmente, necesita o idioma galego, llelos puidera garantizar”

Un erro xustificado que se lle podería atribuir á raíña madrileña é o de non atinar coa persoa elexida para a función a desempeñar. ¡Vai buscar un valenciano, que fala un idioma ribal, tendo, dentro da súa propia cofraría, unha figura tan cualificada para tan trascendental función política como é o “virrei” galego.

Militar retirado/xubilado en activo e articulista.