Tui | Tui prepárase para vivir un verán na rúa gozando dos diferentes eventos culturais e de lecer que se van celebrar tanto no centro urbano coma nas distintas parroquias que brindarán música en directo, danza, cinema, concursos, gastronomía,… con propostas novidosas e outras que contan con gran tradición.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, presentaron esta programación “Tui, verán na rúa” destacando que os meses de xullo e agosto chegan cargados de propostas para todos os públicos e para vivir nas rúas, prazas, parques e torreiros do municipio. Amosaron o seu agradecementos as asociacións e entidades que organizan os distintos eventos e que participan nos diferentes actos previstos.
O programa comeza no mes de xullo en Guillarei, no torreiro das festas, co Guilla Folk organizado pola Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei. O venres celebrarase o VII Festival Folclórico co grupo Eramos Hernández de Gran Canaria xunto aos organizadores. O sábado será a quenda do IX Festival de Bandas de Gaitas coa actuación das bandas de gaitas Lembranzas da Terra e A Insua de Caldelas, amais da actuación de Donicelas e Storrentos.
A música tradicional será de novo protagonista a seguinte fin de semana, o sábado 13 e domingo 14 de xullo, co Festival da cultura tradicional e Folk que organiza a Asociación Cultural San Telmo. O sábado celebrarase na Praza de San Fernando o IX Certame de Gaita e Tamboril, haberá unha mostra-conferencia sobre o traxe galego a cargo do grupo etnográfico Traxandaina e pecharase co concerto do grupo Ardentía. O domingo 14, ás 19.30 h, no Paseo da Corredoira celebrarase o IX Día da Muiñeira.
Do 17 ao 21 de xullo celebrarase na Eurocidade Tui-Valença o IKFEM Festival que baixo o lema Somos Ponte brindará concertos únicos enchendo este territorio transfronteirizo de creatividade.
O Paseo Fluvial de Tui volverá converterse nunha gran sala de cinema ao aire libre con tres proxeccións gratuítas para todos os públicos. Será “O pequeno Nicolás” o venres 12 de xullo, “A viaxe de Ernest e Celestine” o venres 26 de xullo, e “Salta” o venres 9 de agosto.
A programación do mes de xullo pecharase no Parque do Laxal en Rebordáns cunha nova edición da Noite Internacional do Miño no Parque do Laxal na que este ano actuarán grupos de Bosnia Herzegovina, Uruguai, Chile e Italia.
O mes de agosto abrirase con Música no Claustro, con concertos ás 21 h na Catedral do mércores 1 ao xoves 7 de agosto.
A gastronomía será tamén protagonistas no verán e un dos eventos destacados será a Festa Gastronómica da XII Festa do Miño, na que participarán as diferentes asociacións culturais do municipio ofrecendo pratos tradicionais xunto a outros innovadores na rúa Compostela. Non faltará tampouco a animación na rúa nesta xornada.
A ribeira de Caldelas acollerá o venres 16 e o sábado 17 o IV Rocha Folk. Festival Folk Internacional organizado pola Asociación Cultural A Insua de Caldelas. A programación do verán pecharase co XXIX Festival de Bandas de Música o venres 23 ás 21 h na praza de San Fernando baixo a organización da Banda de Música Popular de Tui. Tui ofrece así un verán cultural único do que gozar ao aire libre, e para todos os públicos.
Toda a información sobre a programación e horarios está dispoñible na páxina web do Concello de Tui tui.gal.
Programación “Tui, Verán na rúa”
Xullo
Guilla Folk
No torreiro de festas de Guillarei
Venres 5 ás 22 h VII Festival Folclórico
Lembranzas da Terra de Guillarei
Grupo de baile Eramos Hernández de Gran Canaria
Algo pasa con Mery
Sábado 5 ás 22 h IX Festival de Bandas de Gaitas
Banda de Gaitas Lembranzas da Terra
Banda de Gaitas A Insua de Caldelas
Donicelas
Peche do festival con Storrentos
Organiza: Asociación Cultural Lembranzas da Terra
IV Festival da cultura tradicional e Folk
Sábado 13 na praza de San Fernando
Ás 19.30 h IX Certame de Gaita e Tamboril
Ás 21.30 h Mostra-conferencia traxe galego a cargo do grupo etnográfico Traxandaina
Ás 22.30 h Concerto do grupo folk Ardentía
Domingo 14 no Paseo da Corredoira
Ás 19.30 h IX Día da Muiñeira de Tui
Organiza: Asociación Cultural San Telmo
IKFEM Festival
Do mércores 17 ao domingo 21 na Eurocidade Tui-Valença
Programación en Ikfem.com
Cinema ao aire libre
Venres 12 ás 22.30 h no Paseo Fluvial
Cinema de animación “El pequeño Nicolás”
Cadeiras: 300 cadeiras. Todos os públicos. Duración 85 min.
Venres 26 ás 22.15 h no Paseo Fluvial
Cinema de animación “El viaje de Ernest y Celestine”
Cadeiras: 300 cadeiras. Todos os públicos. Duración 80 min.
Noite Internacional do Miño
Martes 30 ás 21.30 h no Parque do Laxal
Cos grupos Folk Ensemble Omarska de Bosnia Herzegovina, Ballet Tierra Adentro de Uruguai, Compañía Folclórica Iramawi de Chile e Sbandieratori Ducato Caetani de Italia.
Agosto
Música no Claustro. Festival de Música, patrimonio e creación
Do xoves 1 ao mércores 7
Concertos ás 21 h na Catedral.
Cinema ao aire libre
Venres 9 ás 22.15 no Paseo Fluvial
Proxección de “Salta”
Cadeiras: 300 cadeiras. Todos os públicos. Duración 85 min.
XII Festa do Miño – Festa Gastronómica
Sábado 17 na rúa Compostela
Ás 20.00 h Circo Krasnovarak
Ás 21.00 h Fanfarria Taquikardia
Ás 22.30 h Festicultores
IV Rocha Folk. Festival Folk Internacional
Venres 16 e sábado 17 na ribeira de Caldelas
Organiza: Asociación Cultural A Insua
XXIX Festival de Bandas de Música
Venres 23 ás 21 h na praza de San Fernando
Organiza: Banda de Música Popular de Tui
As pegadas dos peregrinos na Ponte Internacional
O Concello de Tui ten recuperado estes días as pegadas dos peregrinos que sinalan o tránsito entre España e Portugal na Ponte Internacional. Unha iniciativa da Cámara Municipal de Valença de hai xa varios anos e que polo desgaste do paso de peóns e peregrinos por este lugar tiña perdido practicamente a súa visibilidade.
A intención dos municipios tudense e valenciano é simbolizar con estas pegadas un dos atractivos do Camiño Portugués, como é o seu percorrido por dous países.
O Camiño Portugués leva acollido no que vai de ano un total de 37.016 peregrinos cun incremento do 7% verbo do pasado ano 2023. Deste número un 23% son de procedencia española (8.641) e un 67% estranxeiros (27.615), destacando Portugal cun 17,5%, seguido de Alemaña cun 8,27%, Estados Unidos co 8,13%, Italia, Brasil e Reino unido que superan o milleiro de peregrinos.
Dende a cidade de Tui iniciaron este Camiño Portugués un 30% dos peregrinos (10.791) unicamente superados por Porto con 12.802 (35%) e seguido de Valença onde iniciaron a súa peregrinación 7.276 persoas. Desta forma, a Eurocidade Tui-Valença foi o lugar escollido polo 50% dos peregrinos que realizan o Camiño Portugués para iniciar a súa peregrinación neste 2024.
Para a concelleira de Turismo do concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, esta recuperación das pegadas dos peregrinos na Ponte Internacional ten como obxectivo marcar a condición de Tui como porta de entrada en Galicia do Camiño Portugués e tamén dun número crecente de peregrinos que realizan o Caminho Portugués da Costa que ten o seu trazado oficial en Portugal polos municipios da ribeira do Miño (Caminha, Vilanova de Cerveira e Valença). Esta pequena acción testemuña o compromiso do Concello de Tui pola promoción do Camiño de Santiago e a atención ao crecente número de peregrinos que percorren esta ruta de peregrinación e que dinamizan a vida social e económica da nosa cidade.