Cadernos da viaxe.
A eurodeputada Ana Miranda (BNG-Alianza Libre Europea) foi expulsada do territorio israelí o martes 21-F despois de aterrar en Tel Aviv facendo parte da delegación oficial de relacións coa Palestina do Parlamento Europeo , sendo posuidora dunha autorización expresa do Ministerio xudeu de Exteriores, canda as demáis persoas da delegación europea. Porén, o Ministerio do Interior xudeu anulou ilegalmente o acordado polo seu proprio Goberno e impediu o seu ingreso en Israel, deportándoa cara á Unión Europea (UE).
O Goberno sionista israelí ratificou deste xeito o seu xorne autoritario e a súa falla de respecto polas máis elementais regras do Estado de Dereito e da convivencia diplomática que xurde do Dereito Internacional Público. Porque a expulsión de Ana Miranda non é só unha agresión ao noso País, á Galicia, senón ao conxunto da Unión Europea. Velaí as protestas da propia presidenta do Europarlamento.
A UE (principal cooperante internacional da Autoridade Nacional Palestina) habería asumir un rol moito máis activo na condena e mesmo illamento internacional do goberno Netanyahu, que integra o seu sionista Likud con outros partidos de extrema dereita, tamén sionistas e/ou ultraortodoxos. Un Goberno que atenta decote contra os dereitos humanos da poboación palestina e mesmo comeza limitar os dereitos da cidadanía árabe israelí, mentres tramita unha reforma lexislativa que sometería aos Tribunais de Xustiza ao Executivo e penaría coa pena de morte os ataques palestinos ás forzas israelís.
“A UE (principal cooperante internacional da Autoridade Nacional Palestina) habería asumir un rol moito máis activo na condena e mesmo illamento internacional do goberno Netanyahu”
Netanyahu sempre foi aliado de Trump e fixo o posíbel por desfacer o pacto antinuclear asinado co Irán polo presidente Obama mentres impón unha ferreña neutralidade no conflito ucraíno xerado pola agresión do réxime autoritario de Vladimir Putin. Que é o outro vello amigo do líder sionista.
O incidente, en chave de País, lembra que o Parlamento Europeo é un factor de equilibrio corrector dunha Europa dos Estados que sofre de non poucos déficits democráticos. Malia todo, a actual arquitectura institucional dalle á Eurocámara un moi importante papel de codecisión a respecto da Comisión Europea e do Consello Europeo que habería de se desenvolver en termos de contrabalanceo aos intereses das multinacionais para acadarmos mais protección ás pemes, ás minorias e ás persoas consumidoras e unha mellor defensa dos valores da igualdade, protección ambiental e pluralidade territorial e nacional.
Precisamente eses teñen sido os vectores do traballo que ten desenvolvido decote Ana Miranda ao longo dos seus mais de vinte anos traballando para o noso País no Parlamento Europeo. Dende o seu traballo a prol dos intereses da nosa pesca, gandería ou sector naval, da conexión ferroviária con Portugal e do corredor atlântico ferroviario ao seu rol fulcral na investigación pola Axencia Ferroviaria Europea do accidente do Alvia en Compostela no 2013, que contribuiu que se estea a desenvolver un xuizo minimamente xusto.