En Ribas do Asneiro, o tempo non morre sen ser vivido antes. O tempo non foxe, estarrícase e rube ás polas, é un tempo mainiño e agarimoso. Saboroso coma as codelas molladas no sangue dun chourizo do fumeiro. O tempo cheira na Costa da Fonte a chamusca do porco e ás unllas quentes acabadas de arrincar, remedio para curar os catarros e o mal de ollo.
“O tempo chega sempre, deuno Deus, noso Señor” dicía a avoa Hortensia, e é certo, Xosé de Dominga, antes de escorregarse nas escumas, era o dono do tempo, sentábase no mazadoiro dos de Clara e detíñao convidandoo a un pitillo, daquelas, o tempo inda non se volvera testán nin fuxidío, era un tempo compañeiro, un convidado educado que marchaba cando se acaba a festa.
En Santiago de Rubiás o tempo está nas as das anduriñas, elas aniñan nas casas, receban os niños nas solainas e mollan o cu no regato do muíño, o tempo tamén se agocha na Arca das tres chaves e nos xuíces. Detívose, enredouse e quedou anicado na sacristía e nun nome: Brandón, Brandón, Brandón! se te sentas na entrada sentes os seus pasos tristeiros, de cando dimitiu, pasos cargados de fondura, de bágoas e rabia, porque os que mandaban mudaron a lei e os tempos, a xustiza e o acordo.
Un poeta, Armando González, parou o tempo e nun “anaco de terra enteira sementada de esperanza…fronteiras de pedra e auga” cantou para que o tempo volvese mansiño coma as vacas ás ourelas do Salas nas mañanciñas de xeada, para que o corisco ficase tenro, mentres, os cuxiños nados na friaxe da noite mamaban o primeiro colostro e espertaban en liberdade naquela terra “onde o pobo e ó que máis ordena”.
Paraches o tempo, e volviches “aquela entelequia” realidade, alomenos, nuns intres, cando ergueitos os peitos e pechados os ollos cantamos todos o himno nesa igrexa, elevando a liberdade dende a vella ara ó ceo.
E o tempo acompasou a María de “Portugal e Galiza” de “Galiza e Portugal” porque ninguén pode mellor cantar que aquela a quen llo rezuma o sangue, “apátrida matriarca” ou matriarca das raias, desfacedora de fronteiras, ruliña do Ceo e de moito máis, naiciña que no peito aniña cantares de mil paxaros. E entre os dous detivestes o tempo cantándolle ao Couto un fado, porque un pobo que ten un himno, se quere ser Lusitano, a forza ten que ter un fado.
E na igrexa da Historia o tempo quixo volver polos carreiros arraianos e un e outro pobo cantaron xuntos: Que grande pobo seriamos, se nos deixaran gobernarnos!
E lembreime daquel tempo en Ribas do Asneiro, onde as vacas durmían nas cortes e nós durmiamos enriba, lembreime das vacas de corno fino para vender na feira, do traballo da escofina para que luciran ben, e lembreime de ti, papá, berrando por min dende a xanela do cuarto de abaixo, para que viñera a xantar: Chiquito! Chiquitoo! porque o tempo estarrícase cando te xuntas cos que queres e volvese eterno.
Cando abracei a Armando, sentín esa alegría que ti me dicías, ”os trunfos dos teus amigos son teus trunfos tamén” e véuseme ao acordo aquelo que me escribira un dia falando de ti, “O mundo sería outro se todos os pais foran coma o teu” e cando mirei para a sacristía, pareceume oirche decir: “Deixádevos de Andrómenas e ide comer o polbo, non se vos vaia pasar” e vinte chiscar un ollo agochado detrás do confesionario aloumiñando o lombo do tempo.
A Armando González, “o envexado”, e a María do Ceo, xunguidora de Galiza e Portugal.