Moncho Marinho | Elixido como decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) no mes de maio de 2016, Francisco González Sarria, chega nun momento no que se queren realizar cambios tanto do CPXG como introducir novas dinámicas na relación do mesmo tanto con medios como con institucións.
Cales son os eixos do seu decanato no CPXG?
O fundamental é defender o ou a profesional. Non tanto no ámbito laboral, senón da ética, da dignidade do labor xornalístico. Co paso do tempo as preocupacións foron aumentando. Está a precariedade laboral, presións de institucións sobre medios de comunicación e das direccións dos mesmos sobre os planteis de xornalistas e a precarización do traballo. Que pode aportar o Colexio? Pois podemos aportar asesoramento legal desde o nacemento aos máis de mil colexiados que ten.
Tamén nos preocupamos polos xornalistas que saen das facultades. Creamos a Bolsa Nacho Mirás, para crear ilusión e empurrar iniciativas que abrisen novos camiños de traballo. Hai pouco naceu o primeiro proxecto, un mapa de medios e en poucos días nacerá o segundo, “Punto e Volta” que en breve terá a súa web.
O ano pasado naceu a iniciativa e este será o segundo ano Xornalismo na Escola, enfocado aos institutos. Desenvolven en cada demarcación xornalistas desempregados, nas principais cidades galegas, o ano pasado foi no rural.
Toda iniciativa que desenvolvamos ten como aportación primeiro a dos colexiados, as contas para este ano están xa aprobadas, cen mil euros, pero tamén precisamos da aportación de institucións privadas, como as Obras Sociais de Abanca e La Caixa.
Outro piar é o premio José Couso á liberdade de Expresión, polo que supón de reivindicación da dignidade do traballo do xornalista. E tamén a resolución dun crime non esclarecido.
Ten esperanzas de que se resolva o caso Couso?
Se falo como xornalista e como persoa desexaría que se aclarase dunha vez. É unha demanda da familia, unha demanda social en Ferrol e unha demanda da profesión facer xustiza neste caso.
Como explica o fenómeno de mantemento dun número de cabeceiras elevado en Galicia, onde non se consume tanta prensa escrita e o nacemento de novas cabeceiras online?
Entendo que todo está suxeito á economía de mercado. Un dixital permite aforrar unha grande cantidade de custes. Os dixitais tamén nacen porque agora hai moitos receptores, ordenadores, móbiles e tabletas que fai doado o acceso. E a información é moi inmediata. No xornal tés que esperar para o outro día de non ser que o incorpore á edición dixital. Cousa que mata a edición de mañá.
O papel sobrevive porque creo que inflúe o estarmos en Galicia. Eses fenómenos de desaparición do papel noutros lugares chegarán aquí pois tarde. Hai unha poboación envellecida que gusta do papel.
Entón, nese tránsito ao dixital ábrese o abano a novas opinións, a novos editores que non precisarán de tantos recursos, anque non teñan a grande capacidade de presión que teñen as grandes cabeceiras.
O 24 de xaneiro saiu un estudo do CPXG sobre o estado da profesión en Galicia. Algo máis do 60% son persoal fixo, case un 39% están a contratos precarios ou en réxime de autónomos. O persoal fixo está en perigo de desaparición?
Si, lamentablemente e todo por cuestión de custes. A persoa que traballe no xornalismo, vai ter que asumir labores que nada teñen que ver coas tarefas de xornalista. Comercial, técnico, etc. Unha cousa é ser multimedia e outra ser multifunción. Ademais, tamén se dá a situación de: “escribo para o xornal pero teño que preparar a edición para o dixital e tamén terei que colaborar se a empresa está no audiovisual e enviar información”. Ben, aí quizais están as dinámicas da evolución nos medios, pero o que non vexo é o de mesturar o aspecto publicitario coa información que vai en detrimento da información, ou labores técnicas con informativas que van en detrimento da calidade.
Houbo independencia nos medios algunha vez?
Houbo un tempo no que había medios que naceron sen vocación de gañar cartos, senón como vocación de servizo social. Pero outra cousa é o día a día ligado a cuestións como os poderes ou desenvolvemento do país. Un exemplo, durante canto tempo os medios lle renderon pleitesía á banca? E hoxe en día non hai reparos en poñelos aos pés dos cabalos. As débedas dos grandes medios estaban ligadas a esas entidades.
As axudas para publicar en galego. Medios que escreben totalmente en castelán receben a maior partida de diñeiro, mentres que medios completamente en galego, dixitais a maioría, non receben ou case non receben axudas. Isto non é contradictorio?
É indefendible. Entendo que un medio, por motivos de desenvolvemento, número de traballadores, etc., teña dereito a acceder a unha serie de axudas. Pero xustificar axudas ao galego a medios que non o empregan como lingua motriz, desde o CPXG témolo apuntado como inasumible.
Estamos apoiando as demandas de medios dixitais que fan o seu traballo en galego, e que non reciben axudas polo mesmo. É un dos puntos que presentaremos ao presidente da Xunta na vindeira reunión que teñamos con el. Queremos un reparto equitativo, con regras transparentes para todos os medios e que así podan acceder ás condicións de solicitude de axudas aos medios. Hai concellos como Santiago, Ames, Coruña e a Deputación da Coruña, que din ao CPXG que marque os criterios para facer ese reparto.
Existen dinámicas resistentes no xornalismo a cambiar a linguaxe xornalística no tratamento da violencia sexista?
Si, e hai pouco vivimos un caso recente e preocupante. O CPXG impulsou a Declaración de Compostela, promovemos hai meses a campaña “Non difundas machismo” que tivo repercusión nas redes sociais. Puxemos o acento nas informacións que considerabamos como machistas, algo que pervive sobre todo no ámbito deportivo e de suscesos.
Dentro de pouco teremos unha reunión na que participará a Xunta para ver de como darlle un mellor enfoque no tratamento do alcol en relación coa mocidade. Tamén nos preocupa o tratamento do suicidio nos medios, algo que faremos en colaboración co Colexio de Psicólogos de Galicia. Outro ámbito no que traballamos é sobre as dinámicas de presión de xefes ou das novas tecnoloxías sobre o xornalista. Unha avaliación de riscos, presión e estrés sobre a profesión para ter un coñecemento destes comportamentos.
Abordouse o tema do mobbing.
O CPXG intervén por petición da persoa afectada. Podemos coñecer algún caso pero non nos involucramos formalmente, agás que esa persoa se dirixa a nós. Pero insisto, ten que haber unha petición dos profesionais que se sintan presionados, cousa que ten sucedido e dirixirnos ao medio en cuestión. Elaboramos comisións de estudo, facemos un informe, falamos coas dúas partes, hai que falar sempre coas dúas partes para chegar a unha conclusión.
Como xornalista radiofónico, Internet é a plataforma de futuro para a radio?
Guste ou non nos guste, si. A radio non morrerá, vai contigo mesmo por internet, ten que haber un estudio desde onde facer ese labor. Temos que usar medios que antes para nós eran inimaxinables, logo viñeron o fax, os computadores e agora, unha gravación de whatsapp pode subirse á información. No caso da radio pois están tamén os podcast, eu son reacio aos podcasts, porque a radio haina que escoitar, senón pasará como no papel, que non terás audiencia no momento que fas ese programa. Pero ao mellor estou equivocado.