Unha ‘Euro’ para Leonor.

Existe unha perceptible vinculación entre a Eurocopa recentemente gañada por España e o lifting que os poderes do Estado están realizando para ‘popularizar’ á Monarquía española. Os festexos trala consecución da cuarta Eurocopa para España son sintomáticos á hora de analizar este proceso integral de ‘blindaxe’ para a monarquía borbónica, personificada agora nunha liña de sucesión en mans da Infanta Leonor, Princesa de Asturias, nun momento de contestación ao entramado constitucional polo procés catalán e a Lei de Amnistía.

O fútbol ten esa dimensión sociopolítica tan poderosa na que outros ámbitos da vida, como a política, poucas veces pode competir. Incluso hai unha sincronía tan nítida entre fútbol e política que permite fortalecer aos poderes fácticos e ao ‘Estado profundo’. A recente Eurocopa de Alemaña é un exemplo claro. Unha remozada e xoven selección española na que brillaron como estrelas dous xogadores, Lamine Yamal e Nico Williams, claros expoñentes da inmigración ‘integrada’ nas cores nacionais españolistas fai causa común co simbolismo da monarquía borbónica, tan cuestionada e contrastada nos últimos tempos. Mais alá do carácter oficial que ten o Rei Felipe VI como Xefe de Estado para estar presente na final de Berlín, a súa presenza xunto a outra Infanta Sofía deu a entender esa simboloxía estatal que busca reverdecer os fastos monárquicos dentro do imaxinario social nestes tempos de crise.

Os festexos no Palacio da Zarzuela co Rei e, agora sí, as Infantas Leonor e Sofía vestidas para a ocasión coa camiseta da selección española completaron ese proceso, por certo moi diferente á opacidade e as visibles “caras longas” dalgúns xogadores (Carvajal e Joselu) durante a recepción no Palacio da Moncloa co presidente de goberno Pedro Sánchez. Un día despois, durante o acto na Escola Naval de Marín, o rei agasallou a esta institución cunha camiseta da selección española en presenza da súa filla Leonor con palabras categóricas animándoa “a gañarse os galóns”. Debe acotarse que Leonor continuará en Marín a súa formación militar a partires de agosto.

A vitoria sobre Inglaterra tamén espertou ese sentimento nacionalista e españolista, principalmente nas redes sociais e moitas veces con sentido irónico, nalgún caso ata reivindicativo e agresivo. O foco dos agravios históricos estaba máis que ‘cantado’: Xibraltar, o bastión tantas veces reclamado por Madrid para a súa soberanía e un reduto do Brexit na península ibérica que non calza coa urxente recuperación exprés dun europeísmo que dende Bruxelas a mandamás da UE, Úrsula von der Leyen, quere revitalizar neste contexto político tan crítico derivado da guerra en Ucraína, da potencial “ameaza rusa” e do avance da ultradereita de Le Pen, Meloni e Orban.

Seguindo co simbolismo político do triunfo español na Euro, as críticas tamén chegaron a VOX, ese refuxio nostálxico ‘patriota’ que ven de romper co PP en distintos gobernos autonómicos trala aprobación da reforma da Lei de Estranxería, un exemplo mais da sintonía expresada por PSOE e PP trala reforma do poder xudicial coa mais que probable ‘titoría’ de von der Leyen. As referencias a Williams (xogador do Athletic de Bilbao) e Yamal  (do F.C Barcelona) como os ‘novos patriotas’ foron constantes nas redes sociais no sentido de ridiculizar a intransixente política migratoria do partido de Santiago Abascal, tan calcada dos seus socios Le Pen e Meloni.

“A vitoria española na Eurocopa serve aos intereses da monarquía borbónica, hoxe tan simbolizada e personificada en Leonor”

En definitiva, a vitoria española na Eurocopa serve aos intereses da monarquía borbónica, hoxe tan simbolizada e personificada en Leonor, así como da pretendida unidade estatal en torno á idea de España que permita consolidar o blindaxe que o estabishment está fomentando en torno á Infanta herdeira ao trono.

Unha unidade ‘inquebrantable’ pouco comprensible cos dereitos dos nacionalismos periféricos (vascos, cataláns, galegos…), por moito que o autor do gol vitorioso contra os ingleses fora precisamente un vasco, Oyarzábal, cuxa vivenda familiar foi ‘vandalizada’ por presuntos nacionalistas vascos.

E non esquezamos que este 2024 é o décimo aniversario da entronización como monarca de Felipe VI, unha ‘transición’ que permitiu ao seu pai, o “Emérito”, desfrutar dun exilio Orient Express precisamente para tamén ‘blindarse’ de canta polémica xudicial apareza.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.