Miguel Santalices (Bande, 1955) preside o Parlamento de Galicia desde o ano 2016. Houbo algúns momentos tensos durante este tempo como a expulsión de Beiras. Por outra parte, este político con formación de médico, considera que a saúde democrática e parlamentaria no país está ben, opinión que choca coa da oposición parlamentaria ao goberno da Xunta. De momento a idea de gobernar a lista máis votada está parada na procura do necesario consenso político na cámara. E por último, entre as súas prioridades está a de abrir a cámara galega á sociedade, mesmo pedindo aos parlamentarios e parlamentarias que escoiten á sociedade.
Vostede ten formación académica como médico, isto permítelle facer boas diagnoses sobre a Cámara para o seu labor?
Permíteme darlle á Cámara unha carga de humanismo. Os parlamentos necesitan dunha carga importante de humanismo, cousa que podemos aportar os médicos. Certo que eu son un médico atípico, porque nunca exercín como médico clínico, salvo polos dous meses finais da carreira. Logo levei a miña carreira ao campo da xestión. Logo aí fixen as oposicións para o corpo de xestión e a partir dese momento unha carreira profesional como directivo da sanidade. Non obstante, a facultade imprégnate desa maneira de ver que hai detrás dunha persoa, unha complexidade que temos todas as persoas. É unha parte que aporta a Cámara e tamén para difundir mensaxes sobre saúde.
E como está a saúde do Parlamento e da democracia en Galicia?
A saúde do Parlamento é boa, magnífica. Podo afirmar con firmeza, e ninguén me contradiciu nisto, que somos o Parlamento máis eficiente. Veño dunha reunión de presidentes de parlamentos autonómcios, e iso é o que circula. Porque somos o Parlamento que máis horas bota debatendo, posiblemente dos que máis acordos tamén teña, porque o ano pasado en proposicións non de lei acadamos o corenta por cento de acrodos. E somos o Parlamento que en proporción, que menos gasta ou que ten menos custe.
Cando chegou á presidencia da Cámara galega, vostede falou de “recuperar a confianza social” por parte de parlamentarios e parlamentarias.
Hai unha grande desafección pola política e iso non é nada bo. Penso que o bo é que a cidadanía vexa a política como algo necesario. Penso que tamén é bo que a cidadanía participe nas decisións adoptadas nun parlamento. Agora estamos tratando de reforzar máis este proceso, unha maior participación da cidadanía nas decisións do Parlamento, dándolle facilidades. Por exemplo, abrimos o Parlamento a que as persoas podan facer preguntas, nós abrimos isto e poden preguntar ao goberno se algún dos setenta e cinco deputados asume esa pregunta. Cousa que non debera ser difícil. Se dúas mil cincocentas persoas están de acordo para facer unha proposición non de lei, e esa proposta é asumida por algún grupo representado na Cámara, iso dalle facilidades á xente para poder facer. Nas Iniciativas Lexislativas Populares, entedemos que antes era un pouco difícil, antes estaban en 15.000 sinaturas, agora baixámolas a 10.000. Se unha lei está en trámite, a xente pode facer suxestións. Por tanto, que as persoas podan aportar suxestións é algo que agora se pode facer a través na nosa web.
Está prevista algunha variación no número de parlamentarios e parlamentarias visto, por exemplo, o descenso demográfico?
Houbo unha proposta de redución de deputados e deputadas na lexislatura pasada. O noso Estatuto marca unha marxe de deputados e deputadas e estamos dentro dela. A proposta de redución garantía un mínimo de representante por provincia. Pero non houbo consenso.
Que motivou esa falta de consenso?
Pois a falta de consenso non viña do grupo que a propuxo e o presidente da Xunta, que fixo a proposta, decidiu conxelar este asunto. Debemos ter en conta que este cambio debería ser consensuado, pois estamos falando de representatividade. En Canarias están tramitando unha proposta para incrementar o número de parlamentarios e parlamentarias. O imporante é manter a esencia do Parlamento dentro duns parámetros normais, que non se desvirtúe o Parlamento e para que serve.
Nunha entrevista concedida a un medio de ámbito estatal, dixo que o seu momento máis duro foi cando expulsou a Xosé Manuel Beiras. Considera que esta medida debera ser aplicada máis ou foi unha excepción?
Naquel momento non había outra alternativa. Cando é así tés que aplicar o regulamento. A todo isto, eu manteño unha boa relación con Xosé Manuel Beiras. Pero cando xurde un acontecemento con esa carga de tensión, hai dous mecanismos que debemos ter en conta, o presidente da cámara ha de saber traballar as tres chamadas á orde, e a persoa chamada á orde debe controlar a súa intervención. Porque así, esa dobre actuación entre o presidente e o deputado atemperando a tensión sería o ideal. É un aspecto desagradable pois a ninguén lle gusta expulsar un deputado, pero ás veces é necesario. Porque se a provocación é grande, a resposta é grande e un presidente debe mirar que iso non se lle vaia das mans. Naquel caso, pois era unha sobreescenificación, todos coñecemos a Xosé Manuel Beiras. Naglúns parlamentos déronse casos que ningún presidente debera permitir. E cando estás nun pleno as pulsacións tamén lle suben a todo o mundo.
Cando a cidadanía ve situacións así, con carga de pulsacións, non ten medo que esa mesma cidadanía banalice o Parlamento e o que representa?
Teño medo que situacións como a que falamos cree na xente desconfianza e que non tomen a serio esta institución. Por iso estamos tamén na fase de abrir o Parlamento para explicar o que aquí facemos. Temos que ter en conta, ser deputado e botar paixón no que fago non significa deixar de respectar as normas, pero podo ter un debate profundo sen recorrer ao insulto. Isto non está rifado con manter unha boa relación con outros parlamentarios. E eu estou convencido que a xente ve ben que acheguemos posturas, aínda que sexa difícil. Por iso no tema das descualificacións, hai que atender ben por cousa da picaresca dos deputados e deputadas cando falan. Pero en cuestións de formas, hai un tema que non deixo pasar de ningunha maneira, é a utilización de descualificacións relacionadas coa saúde mental. Fun director dun centro de atención a persoas con este tipo de doenzas e coñezo moi ben o sufrimento dos familiares e dos doentes mesmos.
Vostede tivo a iniciativa de facer públicas as axendas dos deputados e deputadas, tamén durante a súa presidencia, por iniciativa do PSdeG, redúcese o uso de vehículos oficiais agás para o presidente. Pero hai un punto que poucos e poucas entenden, os gastos de representación.
No meu caso os gastos de representación serían por exemplo, asisitir a unha reunión de presidentes de parlamentos. O gasto de representación son os gastos que como presidente do Parlamento, ocasionou o meu desprazamento e asistencia a esa reunión. Aí vou representando á institución. Todo iso está fiscalizado. Eses gastos son innatos ao que é o posto de presidente do Parlamento.
Como cidadán, político e agora presidente do Parlamento, que considera máis acaído, que goberne a lista máis votada ou a maioría absoluta?
O da lista máis votada foi unha promesa electora á que nos sumamos todos os partidos naquel momento. Era unha proposta feita polo meu grupo. Esa idea non callou e non se volveu debater este punto. A idea é que aínda sendo bo a existencia dunha maioría, tamén é necesario que dentro dun parlamento exista un consenso. Isto freou a proposta de goberno da lista máis votada. A miña postura, déixome levar, son consciente do partido onde estou, se daquela propuxo a lista máis votada eu seguina e agora mesmo aparcou este debate, e eu son respetuoso coas decisións do meu partido.
Os grandes retos que ten o Parlamento que ten agora mesmo?
Entrar na sociedade, está ben que o Parlamento se abra, pero tamén é necesario que a xente coñeza o Parlamento, que o fangan seu e queira o Parlamento. Ese é quizais, o reto fundamental. Despois, que os deputados e deputadas esteamos entre a xente para escoitar e atender as súas propostas e trasladar ao Parlamento as necesidades reais. Porque se estamos entra a sociedade traeremos o que lle interesa de verdade. E por último que non se vulnere o respecto parlamentario e a normativa parlamentaria. Quero dicir o regulamento e leis do regulamento, que se están aí é pola súa vixencia. Fago caso do que din os letrados do Parlamento, non paso por riba dunha proposta que fai un letrado, porque estou convencido que ese letrado ou letrada me leva polo bo camiño.
Repetiría como presidente do Parlamento?
Como presidente levo dous anos. Pero estas decisións son sempre algo precipitadas, pero sempre fun un home de partido, de estar ao servizo público. Pero iso xa se verá.