Historias como esta debe haber moitas, porén a min paréceme especial porque me resulta moi próxima. A miña avoa, Carmen Luaces Casanova, naceu en 1890 no concello de Begonte, na Terra Chá, provincia de Lugo. Aos sete anos morreulle a súa nai e ela, que era a maior de catro irmáns pasou a ocuparse deles. Estaba psicoloxicamente afectada e foi sonámbula até pasados moitos anos. Pola noite erguíase da cama e abrazábase aos corozos das berzas, chamando pola nai ou saia a pasear en camisón pola beira do río. Cando regresaba ao fogar, deixaba a porta aberta e, aínda que na casa inicialmente desconfiaron dos ladróns, acabáronse por enterar de que era ela e o seu pai decidiu pechala polas noites. O meu bisavó era labrego e tratante de gando. Volveu casar e tivo outros catro fillos coa nova esposa. Tiña problemas para mantelos a todos e decidiu emigrar a Cuba coa miña avoa, a maior, que daquela tiña 19 anos. A viaxe foi en barco e os cociñeiros déronlles carne de gato con arroz, dicíndolles que era coello. Cando se soubo a verdade algunha xente vomitou.
El traballou na construción do camiño de ferro e ela de criada na casa dun Gobernador. Aquela era unha casa moi rica e a miña avoa ás veces atopaba moedas de ouro polo chan e ela sempre as deixaba enriba da mesa. A señora da casa -quizáis ao ver que era honrada- colleulle cariño a deprendeulle a ler. E foi así como soubo ler, que non escribir. E todos os días a señora convidábaa a tomar unha copiña de anís con ela. A miña avoa contábame que se sentía moi a gusto naquela casa; mais a sorte torcéuselle, porque un cociñeiro -que casualmente era casado e tamén galego- comenzou a facerlle proposicións e a acosala insistentemente, dicíndolle que uma muller tan guapa como ela non tiña porqué traballar. E ela acabou marchando da casa. Buscou traballo nunha fonda onde daban comidas e unha xente tamén española ríase dela por mor do seu sotaque galego. Ela era moi correcta e educada e iso era algo que a sublevaba, o que a eles aínda lles tiña máis graza. Un día saiu na súa defensa um mozo -tamén galego- chamado Manuel Luaces e, despois, falando e falando decatáronse de que eran curmáns. El emigrara a Cuba con quince anos e foi alí onde se coñeceron e entablaron relacións, casando pouco despois.
El era moi inxenioso e traballou buscando auga e facendo pozos nas fincas dalgúns terratenentes. Despois adicouse a vender e a colocar toldos, que a miña avoa cosía cunha máquina de coser SINGER (Que trouxo a Galiza). De La Habana pasaron a Camagüey, e el vendeu xeados. El era moi intelixente e deu en ler libros de medicina naturista e fíxose curandeiro, curando a numerosas persoas tanto en Cuba coma en Galiza, cando volveron. Mais esa nunca foi a súa profesión e, con ferecuencia, era a xente a que o buscaba e el, que se resistía a exercer de curandeiro, pois non tiña titulación nin licenza para practicar a medicina; pero tanto lle porfiaban que acababa aceptando. A miña avoa foi feliz con el e só tiña um reproche que facerlle e era que cando lles ía ben nun sitio, el aburríase e quería cambiar de vida e marchar para outro lado. El sempre dicía: “máis vale gañarse a vida vendendo mixtos que traballar para un patrón”. E así fixo sempre. En Cuba naceu a miña tía Mercedes e na Galiza a miña nai, María Antonia Elvira. Na Galiza pouco pararon porque o meu avó xa non se afacía ao clima e marcharon para Melilla, onde montou unha fábrica familiar de lexivia e xabón. E, previndo a Guerra, fixo un refuxio de hormigón, onde se refuxiaban moit@s veciñ@s nos bombardeos da Guerra Civil. A el casi o fusilan por dúas veces, porque nunca ía a misa, tiña umas ideas vagamente esquerdistas e ríase cando os anarquistas queimaban igrexas. Salvouno um militar que o borrou dunha lista negra. A segunda vez foi coas tropas mouras, que retiveron aos varóns, preguntándolles onde estaban republicanos destacados. E ao non recibir resposta satisfactoria, contaban dez e mataban ao desafortunado. Tocoulle a el e a miña avoa suplicou por el dicindo que o deixaran en paz, que estaba enfermo. Ao que o oficial franquista respondeu: “Si, este morre só”. E mataron ao seguinte. Morrería de morte natural pouco despois porque fumaba moito e estaba enfermo dos pulmóns. As mulleres da familia regresaron a Galiza e non pasaron necesidade na postguerra, ao contrario que a miña familia paterna, porque tiñan un cofre cheo de moedas de ouro de vinte dólares (os aforros de Cuba) e, de cando en vez, cando o precisaban, vendían unha moeda por 5.000 pts.
Cando eu era pequeno a miña avoa contábame historias de Cuba e amosábame algúns recordos que gardaba nun baúl: unhas postais en branco e negro, un paraugas de madeira, unha medalla da Virxe do Cobre e outras cousas sen máis valor que o sentimental. Falábame de que ás veces aparecían pitas mortas desangradas (supoño que polos rituais de santería) e ela botáballe a culpa a uns asiáticos que tiñan un restaurante chinés a carón de onde vivían eles e tíñalles medo. Falábame dos paseos que daban polo Malecón de La Habana… Tamén me contaba de que no campo había unha gran facenda chea de árbores frutais e que o dono deixaba que a xente comese o que quixese e levase o que poidese coller coas mans. E dunha vez que houbera unha revolta da poboación negra e mestiza e de que ela collera medo porque disque algúns bicaban na boca ás mulleres brancas pola rúa.
A miña avoa practicaba nudismo na horta da casa, ao abeiro de olladas indiscretas e por motivos naturistas. Lía enfermizamente “O CASO”, un xornal pragrado de crimes truculentos que a horrorizaban. Alegrábase cando “o Lute” se fugaba, o que amolaba ao meu pai (…). E axudou a criarnos a min e a miña irmá, gastaba en nós a súa pequena paga e recórdoa con cariño. Nos seus últimos anos -viviu 93- padeceu demencia senil e tiña pánico de que a torturasen ou lle desen unha mala morte, pois estaba convencida de que a querían matar. O seu delito supoño que era ser unha boa persoa.