As Neves | Todas as racións de requeixo e mel vendidas, milleiros de visitantes o venres santo e o sábado, bares, restaurantes, cafeterías, postos de pulpeiros, foodstracks, postos ambulantes, terrazas e zonas de lecer ateigadas, momentos nos que non había sitio dentro da carpa, situada na Praza Maior, mesmo intres nos que non era posible camiñar polo casco urbán. Ese é o resumo da 30ª Feira do Requeixo e do Mel que xa é histórica logo de converterse na máis visitada.
Persoas chegadas dende todos os concellos do Condado, procedentes de Tui, A Garda, Vigo, Pontevedra, mesmo, familias da Coruña, Ourense e Lugo e das vilas portuguesas de Melgaço e Monçao, poideron gozar da gastronomía da zona, do requeixo e do mel, que superou as 3.000 racións servidas cada un dous días da feira. Familias xantando nalgúns dos parques e paraxes edas Neves, aproveitando dous días cun tempo excelente.
O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, amosouse “abraiado e moi agradecido” polo “éxito” desta edición que, salientou, amosou que a Feira do Requeixo volve a estar na “vangarda”, contribuindo á cultura, a gastronomía, a economía e o turismo, “non so das Neves, senon de todo o noso territorio”.
Emocionante, Xabier Fortes
O momento álxido da celebración foi o pregón do xornalista de TVE, Xabier Fortes, quen falou da súa relación co requeixo, “sempre vencellada ao mel: da súa mixtura xurdía unha explosión de dous sabores tan opostos e, ao mesmo tempo, tan complementarios, con ducias de matices que iban do amargo e ácido ao doce, como se fosen cores dunha paleta para pintar un arco da vella”.
Tamén adicou a súas lemebranzas ás mulleres, dende “as da miña vida”, como a avoa, que lle daba o requeixo bañado en mel, a “todas as que gobernaban familias e terras, que tiñan o mundo baixo os seus pés. A todas elas, a todas as mulleres das Neves e a todas as mulleres do mundo vai adicado este pregón”.
Tamén houbo tempo estes días para a paisaxe, dentro dun programa que comezará o pasado día 2 coa ‘Andaina do Requeixo e do Mel’, na que participaron máis dun centro persoas. Completaron a oferta o lecer e a música, con actividades na reformada Casa da Xuventude, un espazo infantil permamente, con manualidades, pintura, mesmo elaboración do requeixo, a carón da Casa do Concello, a agardada actuación da Roda o -dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra-, deron forma a unha cita que consolida a feira como un referente en Galicia.