Jonathan Swift, Unha humilde proposta (tradución de Mª Fe González Fernádez), Editorial Trifolium, 2013.
Étienne de La Boétie, A servidume voluntaria (tradución de Armando Requeixo), Editorial Trifolium, 2013.
Un dos xéneros que máis está medrando en presenza nos últimos tempos é o ensaio, nomeadamente o que se achega á sociedade actual. Poida que sexa propio dos períodos de crise; poida que precisemos, máis ca nunca, enterdernos. O esforzo de editoriais novas como Axóuxere, 2.0 Editora ou Trifolium estende un espazo que antes estaba ocupado, fundamentalmente, por Laiovento e por coleccións menores, mesmo erráticas, das editorias máis centradas en textos de ficción.
Cando do que se trata é de comprender a actualidade, os textos contemporáneos botan moita luz. Pero máis demoledores son aqueles escritos hai unha chea de anos, xa que demostran que, ou a historia é moi teimuda, ou a humanidade é ben torpe. Étienne de La Boétie, no século XVI defende “utopías” como as que se agochan baixo as palabras liberdade, igualdade, educación, dignidade ou ben común. Todas aparecen citadas na súa obra e todas asentan os seus avais na Antigüidade. El mesmo recorre ao tópico da autoridade clásica como recurso estilístico, pero tamén como recordatorio dunha loita que xa tiña daquela 2000 anos. O contrapeso pono a covardía dun pobo que non reacciona ante o autoritarismo, exercido tanto polos gobernantes impostos como polos escollidos. Os somníferos administrados desde o poder tamén semellan ser os mesmos: clientelismo, pan e circo que alimenta a servidume voluntaria.
O texto de Jonathan Swift foi publicado en 1725. Aínda que a tese que defende é totalmente disparatada, vender os nenos irlandeses que teñan arredor dun ano de vida como alimento, o efecto especular para un lector galego é brutal. Primeiro pola retranca. E segundo, polas similitudes entre a descrición do pobo irlandés e o coñecemento que temos do noso. Emigración, pobreza, marxinación do rural, colonialismo interior, autoodio… De entre todas as cuestións que toca o autor no podo deixar de citar esta na que se resume o desexo de “ter ollo de non vender o país e as conciencias por nada; de ensinar aos nosos terranetentes a ter algo de compaixón cara aos seus arrendatarios” (p. 38).
Á curiosidade intelectual engádeselle o deliete. Calquera dos dous textos constitúe un exemplo magnífico de dominio retórico, e da evolución dos textos argumentativos nos dous séculos que median entre un e outro, que deben parte da súa eficacia á boa tradución de Armando Requeixo e Mª Fe González.
Textos, á fin, que gañan en lecturas co paso do tempo e aos que podemos acceder a través da colección “Musa pedestris”, da que tamén forma parte o finado José Luis Sampedro, non por casualidade.