A Guarda | Este sábado comeza a tempada teatral de corte infantil e familiar da man do gran clásico O Quixote, pensada para o público infantil e familiar. Esta peza, representada pola compañía Pedras de Cartón, foi escollida para representar nesta data e celebrar así o Día das Bibliotecas que cada ano se conmemora o 24 de outubro. A función terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural o vindeiro sábado 29 de outubro ás 18:00h.
A peza que ven a recuperar o gran clásico da literatura española presenta unha proposta dunha coidada calidade técnica sen perder o gancho co seu principal destinatario: as crianzas. Cunha estética inspirada no paiaso clásico e en clave de clown, a obra afronta as escenas mais icónicas e mais cómicas da relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho. Sobre un velocípedo a modo de Rocinante fai súa aparición o histriónico Quixote, e sobre o triciclo que sustitúe ao asno Rucio cabalga o seu inseparable Sancho. Xuntos afrontarán os feitos mais inverosímiles tanto de día como de noite.
Esta obra, segunda entrega da compañía Pedras de Cartón, que xa presentou na Guarda a anterior adaptación do Lazarillo de Tormes, foi gañadora por unanimidade do X Certamen Internacional Barroco Infantil de Almagro ( edición 2021). A compañía ven especializandose así no seu cometido de abrirse ao exterior e recuperar os grandes clásicos da literatura española a novos públicos.
Por todo o antedito, a función é moi recomendable para gozar en familia, e convidamos ao gran número de nenas e nenos a acudir este sábado ao Centro Cultural, invitación que facemos extensiva ao resto de seguidores e amantes do teatro, así como amantes da literatura clásica. O acceso á función é libre e de balde ata completar o aforo da sala (non precisa reserva previa). A súa duración é de 50 min. Como o resto da programación incluída no Outono Teatral esta obra está subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022.