A Cañiza | O director da formación, José Manuel Caballero Fernández, así o comunicou ao Alcalde Luis Piña a pasada semana nunha xuntanza mantida no Concello no que tamén estiveron presentes o mestre de percusión da Banda, Sergio Caballero Fernández e o asesor musical, Eduardo José Rodríguez Sobrino así como as Concelleiras de Goberno Mª José Rodríguez e Eva María Rivas.
No concerto que a Banda interpretou o pasado mes de agosto na Praza Maior, enmarcado dentro da programación do “verán cultural” organizada polo Concello, o director da formación, José Manuel Caballero, nunha pausa da actuación, agradeceu ao Concello e ao Alcalde ás invitacións cursadas para actuar na Cañiza durante dous veráns consecutivos ( os días 12 de agosto de 2023 e o 10 de agosto de 2024) e anunciou que se a Banda volvía a actuar na localidade, comporían unha partitura (instrumental ) adicada ao noso Municipio.
Na xuntanza da pasada semana o Alcalde anunciou que a Banda volverá a actuar na Praza Maior da Cañiza o vindeiro 9 de agosto de 2025, ás 23h, dentro da nosa programación cultural de verán. Unha decisión avalada polo gran éxito acumulado tras os «extraordinarios concertos» da Banda de Paramos na Cañiza.
Nesta mesma reunión o Director da banda de gaitas de San Xoan, xunto co mestre de percusión e o asesor musical, anunciaron tamén que, seguindo a costume e tradición da formación, neste concerto de agosto presentarán a partitura adicada á Cañiza. Unha peza orixinal, instrumental, sen letra.
Esta relación xurde da emoción e cariño con que a Banda foi acollida polo publico da Cañiza en cada concerto. En resposta a este agarimo o director da Banda tamén avanzou que non descarta que en futuras actuacións poidan presentar unha canción adicada á Cañiza “que tamén podería ser un himno”.
Feito que o Alcalde agradeceu en nome de todos os cañicenses “xa que se trata dun agasallo único que entraría a formar parte do legado e patrimonio musical e cultural do noso municipio”. “ Para A Cañiza é unha honra poder presentar no noso verán cultural, nunhas datas nas que o noso municipio se enche de visitantes, turistas e mesmo cañicenses que residen fora, un concerto musical do máximo nivel.”
O vindeiro 9 de agosto actuará na Cañiza esta gran Banda «actualizada», con 19 anos de experiencia, integrada por medio centenar de músicos gaiteiros, pianistas, baixistas e guitarristas. Unha fusión musical maxistral na que tamén incorporan voz para interpretar algunhas pezas.