Ponteareas | O pasado mes de abril o servizo de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra lanzou a primeira convocatorio dos Premios Provinciais á Xuventude. Unha gran variedade de obras e proxectos foron presentados a este concurso, que pretendía promover o talento e o potencial da mocidade galega da provincia. Durante o acto de entrega de premios, que tivo lugar o 29 de novembro, déronse a coñecer os nomes dos gañadores e gañadoras de tódalas categorías: Iniciativa social, blog, educación en valores e fotografía, entre outras.
Mónica Lemos, que acadou o primeiro premio na categoría de blogs co seu proxecto “Objetivo Tutti Frutti”, explica que recibir este recoñecemento supuxo para ela unha grande sorpresa pero tamén moita ledicia e orgullo. Esta ponteareana leva traballando na súa páxina dende 2014, ano no que a súa formación académica a levou a interesarse especialmente pola innovación educativa. No seu blog, que xa conta con máis de 1.500 seguidores nas redes sociais, comparte recursos, ideas e reflexións persoais sobre a educación en todas as súas formas. Recoñece que non é doado compaxinar esta tarefa coas súas obrigacións profesionais porque, aínda que levar un blog ao día comporte moito traballo, no seu caso non é unha actividade remunerada, polo menos, de momento. A moza relata como nalgunhas épocas a xeración de contidos é menos constante e ten que deixar a súa actividade de lado para facer frente a outros quefaceres. Aínda así, Mónica sempre atopa a maneira de seguir adiante con esta aventura dixital que, segundo opina, é unha solución marabillosa para compartir e integrar coñecemento: “a pesar de todo o tempo que implica, a motivación de poder transmitir unha nova forma de entender a educación, de forma integral, é moi grande”. Agradecida por este premio a tres anos de esforzos, asegura que seguirá traballando no proxecto e axudando a outras persoas a crear tamén os seus espazos de comunicación na rede.