Oia | A oficina de turismo de Oia consolida a súa tendencia de aumento de visitas en cada verán, acadando un total de 7.826 persoas durante a tempada deste ano, que se desenvolveu entre o 20 de xuño e o 15 de setembro. Esta cifra supón un incremento do 5,7% respecto da campaña de 2022, na que se rexistraron 7.404 visitantes.
Os principais usuarios da oficina de turismo de Oia foron, un verán máis, os peregrinos. Segundo a información recompilada polo persoal da oficina da Praza Centinela (Barrio do Arrabal), das 7.826 visitas contabilizadas, o 57% tivo como principal motivación o Camiño do Santiago. A segunda motivación foi a natureza (16%), seguida da cultura (13%) e a gastronomía (11%).
No que respecta ao lugar de orixe dos visitantes que fixeron uso da oficina, o 55% de persoas foron extranxeiras (4.297), en consonancia coa importancia do Camiño Portugués da Costa na afluencia turística ao municipio e o público internacional que atrae.
O principal país extranxeiro foi Portugal (585 persoas), seguido de preto por Alemania (569) e Italia (538) e, a algo máis de distancia, por Francia (355).
En canto ao turismo procedente do territorio español, o principal lugar de orixe foi Madrid (964 persoas), seguida da propia comunidade galega (606 persoas). Outras comunidades con peso estatístico foron Andalucía (442 persoas), Comunidade Valenciana (277), Cataluña (217) e Castela e León (211).
O Concello de Oia asumiu o servizo de información turística deste ano contando cunha axuda da Deputación de Pontevedra que cubriu o 75% do custo total da contratación (7.000 euros concedidos ao abeiro das subvencións destinadas ao financiamento dos custos e dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo adheridas á Rede de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas durante o ano 2023).