Santiago de Compostela | Máis de 60 persoas ás que se lle suman outras 30 que contactaron directamente coa asociación, acudiron no día de onte á xuntanza convocada por Unión de Consumidores de Galicia no Edificio Cersia en Santiago de Compostela.
Un dos obxectivos desta xuntanza era tentar aproximarse á magnitude desta problemática tanto en relación co número de posibles afectados como nos importes subtraídos, e desde Unión de Consumidores de Galicia podemos afirmar que as nosas previsións quedaban bastante curtas. Segundo as estimacións da organización, o número de afectados supera sen dúbida o centenar e os importes subtraídos achéganse ao millón de euros.
A maior parte das persoas asistentes amosaron a súa vontade de permitir que Unión de Consumidores de Galicia as represente nun proceso de negociación coas entidades financeiras na procura dunha solución extraxudicial.
Non obstante isto a organización considera que esa negociación debe ser moi breve xa que logo o que está en xogo é o diñeiro das vítimas e Unión de Consumidores de Galicia non contribuirá a retrasar o inicio das accións de natureza xudicial nas que xa traballa e da cuxa viabilidade non dubida se atendemos a distintas resolucións xudiciais sobre esta materia, como é o caso do pronunciamento da Audiencia Provincial de Pontevedra contra Abanca o pasado mes de abril.
Do mesmo xeito, o Secretario Xeral da organización, Miguel López Crespo, anunciou aos asistentes que viña de solicitar unha xuntanza co Delegado do Goberno en Galicia, Xosé Miñones, a quen lle trasladará a importancia do traballo que desenvolven as forzas e corpos de seguridade nas investigacións destas fraudes.
Estes traballos están enfocados en determinar a existencia de debilidades ou vulnerabilidades dos sistemas e protocolos dos servizos de banca electrónica e banca móbil das entidades financeiras.