Estou en contra da iniciativa de ABANCA e da Xunta de Galiza de crear universidades privadas en Galiza. A Universidade pública -respaldada cun plan de bolsas axeitado para o estudantado con menos recursos- é unha garantía de igualdade de oportunidades (xa menoscabada co plan Boloña), unha garantía de calidade e unha fonte de investigación e coñecemento que debe revertir na sociedade galega.
A Universidade privada non aporta nada novo: elitismo e desigualdade, negocio privado, inicio do desmantelamento do público,… O PP vai unha vez máis contra os intereses da maioría social, destrúe o país e véndeo ao mellor postor. Por iso Feixóo é aplaudido polo centralismo madrileño.
“A Universidade privada non aporta nada novo: elitismo e desigualdade, negocio privado, inicio do desmantelamento do público,… O PP vai unha vez máis contra os intereses da maioría social, destrúe o país e véndeo ao mellor postor”
Porque mentres Feixóo ocupe o cargo de Presidente da Xunta de Galiza, non teremos un presidente do país, senón un pirata. E non dos que lle gañan o pan a España e devolven parte a Galiza e á humanidade, senón dos que destrúen a nosa terra por unha ganancia económica e por unha posición de mando.
Non se vos revolve o estómago de ver as loubanzas que recibe d@s nos@s adversari@s? E ABANCA, con este proxecto, demostra que non está ao servizo do país, senón da súa conta de beneficios. Por iso apoio a creación dunha BANCA PÚBLICA GALEGA, como defendía Alexandre Bóveda, que financie con créditos a particulares, autónom@s, empresariado e sectores produtivos do país, como vén reclamando o nacionalismo galego.
A exposición sobre Castelao de ABANCA está ben, recoméndoa; pero Castelao tamén se oporía ás Universidades privadas que proxectades, porque son inxustas para as clases populares. O BNG teno claro, porque o BNG si está ao servizo do país.