Ademais, a limpeza de fincas é unha das principais preocupacións da concellería de Medio Ambiente mosense
Mos | A concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Julia Loureiro, informou hoxe de que na Xunta de Goberno Local celebrada onte pola tarde no Concello de Mos leváronse a aprobación, en materia de Urbanismo, cinco licenzas de actividade, cinco licenzas de obra menor, unha licenza de obra maior, e dúas licenzas de primeira ocupación; e en materia de Medio Ambiente tratáronse cinco denuncias por falla de limpeza en fincas particulares.
Loureiro explicou esta mañá que, de entre as cinco licenzas de actividade, tres foron remisións á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, unha foi unha licenza definitiva e a outra foi unha licenza provisional de actividade que recibiu tamén a licenza de obra maior.
Ademais, destas cinco licenzas de actividade, tres son para empresas ubicadas no Parque Empresarial Mos-Veigadaña, “demostrando así o avance imparable deste polígono que continúa crecendo progresivamente en número de empresas nel asentadas co que nun breve período de tempo o PEMOS poderíase convertir nun dos principais parques empresariais de referencia da provincia”, declarou a edil delegada de Urbanismo.
Co número de licenzas urbanísticas levadas onte á Xunta de Goberno Local, un total de 13, demóstrase tamén o gran traballo que se está a realizar dende o departamento municipal de Urbanismo, que ó mesmo tempo atópase volcado nas xestións para a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que se producirá en breve, coa gran carga e volume de traballo que todo insto implica.
Medio Ambiente
Por outra banda, no que a Medio Ambiente se refire, tratáronse na Xunta de Goberno de onte un total de cinco denuncias por incumplimento de limpeza de fincas particulares. Neste sentido Julia Loureiro quixo facer hoxe un chamamento a tódolos veciños e veciñas de Mos para que manteñan en bo estado de limpeza as súas parcelas, evitando así os riscos de incendios e os problemas de insalubridade. A concelleira de Medio Ambiente pediu colaboración cidadá para que non se teñan que estar levando unha vez por semana, a cada Xunta de Goberno Local, un mínimo de cinco denuncias de fincas sen limpar.