Vigo | O VII Congreso Internacional José Saramago “A herdanza filosófica e sociopolítica de José Saramago” será organizado pola I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo co apoio do Camões-Centro Cultural Português de Vigo, entre outras entidades, con motivo das conmemoracións do centenario do nacemento no Nobel portugués.
No marco deste congreso, que terá lugar entre os días 26 e 29 de outubro, o programa académico inclúe conferencias, paneis de discusión e mesas redondas. No contexto galego, interesa especialmente a mesa titulada “A Galiza na xangada do futuro: pensándonos a partir de Saramago”, na que participarán:
Xosé María Gómez Clemente (Universidade de Vigo; moderación);
Helena González Fernández (Universitat de Barcelona);
Carlos Quiroga (Universidade de Santiago de Compostela);
Marco Neves (Universidade Nova de Lisboa).
Nela, estes investigadores/as reflexionarán sobre a situación galega actual a partir do concepto da transibericidade.
No relativo ás actividades culturais, os asistentes poderán gozar dunha performance coa que nos deleitará a poeta galega Silvia Penas; un recital de poesía de Patricia Lino; a instalación artística do portuense Miguel Januário; unha exposición sobre o diálogo que se estableceu entre Saramago e a pintora portuguesa Graça Morais (e que contará coa visita da artista ao espazo), máis un ciclo de cinema baixo o lema “O Surrealismo de Saramago no Cinema”.
Da atmosfera creada con todas estas actividades valerase a destacada escritora portuguesa Isabela Figueredo para crear textos de ficción inspirados nesas temáticas que serán repartidos e publicados nos días do congreso.