O Covelo | Miguel Fernández Rodríguez gaña con “Camiñando pola neve” o quinto concurso de fotografía “Calendario do Concello de Covelo” para o ano 2025. O segundo premio foi para Rosa María Tielas Conde con “Sendeiro hacia o río de Castro” e o terceiro para María Jesús Lago Feijoo con “Pacendo no Suído”.
Dar a coñecer a riqueza natural, histórica e etnográfica do Concello de Covelo é un dos obxectivos do calendario que repartirá co novo ano o Concello entre a súa veciñanza. Acompañar ás veciñas e veciños ao longo do ano, salientar as datas das festas locais e, sobre todo, amosar a beleza natural e paisaxística son outros dos obxectivos deste calendario que se repartíu entre a hostalaría local de todas as parroquias para facilitar que as persoas que non viven no centro urbano poidan recollelo.
Ademais, calquera persoa empadroada pode achegarse en horario de mañá de 9 a 14 horas ao Concello e facerse con este primeiro agasallo de nadal que, con cariño e orgullo, distribúe a administración local.
O xurado formado polos fotógrafos Julio Eiroa e Emilio Rodríguez e a xornalista Amparo Rodríguez tiveron en conta ademais das cuestións técnicas, a creatividade e a composición do relato fotográfico, entre outros aspectos que farán que o calendario do ano 2025 amose unha pequena selección de paisaxes e momentos fermosos vividos no concello. O xurado procurou unha mostra variada e anima a todas as veciñas e veciños a capturar a beleza de Covelo e presentarse na vindeira edición salientando que “cada ano o nivel sube”.
A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, responsabilidade que comparte co alcalde Pablo Castillo agradeceu ás persoas participantes o seu traballo e destacou o grande número de fotografías recibidas sendo cada ano maior.
“Todas as persoas veciñas de Covelo formamos parte dunha comunidade que vive nun lugar fermoso que temos a obriga e a responsabilidade de coidar, respectar e mellorar. E podemos facelo a través da nosa participación en colectivos como as comunidades de montes, as asociacións veciñais ou culturais, de mulleres rurais, as comunidades parroquiais, os clubs deportivos, o voluntariado, Protección Civil… ou simplemente cultivando as nosas relacións sociais e culturais e compartindo as celebracións e festas populares coa intención de mellorar o noso sentimento de pertenza a unha colectividade”, sinala o alcalde Pablo Castillo. O calendario entra agora en proceso de impresión e o Concello de Covelo anunciará na súa páxina web o día a partir do que se poderá recoller nas oficinas municipais. A veciñanza poderá recollelo na Casa do Concello en horario de mañá ou nos negocios de hostalaría.