Tui | O próximo sábado 27 de abril celebrarase unha edición máis, a quinta, do Encontro de Bandas de Gaitas Cidade de Tui, organizado polo Centro Cultural Laxes de Paramos.
Nesta edición as bandas Os Coribantes de Buchabade (Ponte Caldelas) e A Pintega Marela ( Madrid) compartiran escenario coa Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, que actua como anfitriona do encontro.
O concerto principal será a partir das 21:30 horas na Praza de San Fernando, diante da Catredal de Tui. Pero poderemos asistir a pequenos concertos, das bandas participantes, desde as oito da tarde na Glorieta de Vigo, na Praza da Inmaculada, na Praza Bispo Salvado, diante do Pazo do Concello e na porta do Teatro da Área Panóramica.
Ás 21:30 horas ás bandas participantes faran un pasarrúas desde a Área Panorámica ata a Praza de San Fernando.
No caso de choiva o concerto principal trasladarase á igrexa de San Domingos.
Bandas participantes:
Os Coribantes de Buchabade.
A Banda de Gaita e Baile “Os Coribantes” nace no ano 2005 nun pequeno pobo chamado Buchabade do Concello de Ponte Caldelas (Pontevedra).
Está formada na maioría por rapaces e rapazas de distintas idades e de varios Concellos limítrofes da Comarca de Pontevedra. Na actualidade son cerca dos 100 os compoñentes entre Banda e iniciación. Con clases de: Baile (para iniciación e maiores), instrumentos (iniciación, banda), canto e por suposto Banda.
O temas que interpretan beben no son da cultura tradicional e tamén incorporan pezas propias ou de outros autores contemporáneos.
Ainda que poden facer actuación en tradicional con baile, neste caso presentarán un formato máis folk con instrumentos tradicionais como gaitas, tambores e pandeiretas, e tamén outros como guitarra española, guitarra acústica, baixo, violín, batería, congas, bongós, acordeón, saxos, trompetas, etc, incluso voces en algunhas pezas.
Dispoñen de dous discos un presentado no Teatro Principal de Pontevedra titulado “Dende a ialma” en homenaxe os vellos oficios, e outro presentado no Pazo de Cultura de Pontevedra titulado “Camiños” sobre a emigración, tristemente outra vez de actualidade.
En definitiva unha proposta cun xeito particular da música tradicional. Como a eles lles gusta dicir: “música de Galiza con uns arranxos e son propio”.
A Pintega Marela
Formación criada arredor de A Escola de Música Galega A Píntega Marela. Escola centrada na formación de afeccionados no ámbito da música galega en Madrid. O seu principal obxectivo é facer da cultura e música galegas algo universal. Nela impártense clases de gaita galega, percusión, requinta, tin whistle, violín folk ou fiddle, guitarra, bouzouki, mandolina, zanfona así como baile galego.Como lles gusta dicir e presentarse: “Se queres vivir Galicia en Madrid A Píntega Marela é a túa escola”.
Arredor desta escola xurde o grupo A Pintega Marela que leva polos escenarios a música tradicional galega cun son e personalidade propia que imos disfrutar neste encontro. O grupo, A Píntega Marela, representa un espazo onde os alumnos das distintas aulas intercambian as súas inquedanzas e comparten os coñecementos adquiridos.
O seu repertorio abarca dende temas tradicionaies de cancioneros populares ata música máis contemporánea de composición, tanto propia como allea, con arranxos que buscan explotar as posibilidades expresivas e orquestrais dos instrumentos.
A Píntega Marela levou a súa música a sitios como o Auditorio doKremlin de Moscú, Roche La Moliere (Francia), Nava (Asturias) así como ao Auditorio Nacional de Música de Madrid. Asimesmo ten colaborado e compartido esceario con artistas como Carlos Núñez, Ialma, o Ballet Folclórico de Madrid ou o Grupo Mazantini.
Banda de Gaitas San Xoan de Paramos.
A Banda de Gaitas San Xoán de Paramos nace en maio de 2007 no Centro Cultural Laxes, baixo a dirección de José Manuel Caballero Fernández como profesor de gaita e percusión, e actual director da Banda. Comenzando, nese momento, a formar a músicos, algúns con coñecementos musicais pero a gran maioría sen contacto previo coa música.
No ano 2013 incorpórase, como profesor de percusión Sergio Caballero que continua, na actualidade dirixindo a sección de percusión.
A primeira actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, foi en decembro de 2008, no festival de nadal da Asociación Cultural , ao que logo seguirían actuacións no Concello de Tui, en toda Galicia, norte de Portugal, Asturias, Madrid, Cantabria, Zamora, Cataluña, Alemaña ,…
O vindeiro ano 2020 participaran, como convidados, no desfile do día de San Patricio (día de Irlanda) en New York.
Na actualidade está formada por 50 compoñentes, e conta cunha numerosa canteira formada por alumnado de todas as idades, que reciben clases de linguaxe musical, gaita e percusión tradicional.
A Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, busca manter a tradición musical de Galicia, tocando pezas tradicionais galegas, aínda que tamén inclúe repertorio portugués e incorporando pezas propias ou de outros autores contemporáneos. Con este reperterio xunto coa incorporación doutros instrumentos, alén dos tradicionais, queren dar unha visión particular, con pequenos rascuños de modernidade, de ver, e como non podería ser doutro xeito, defender e dignificar a música tradicional galega.
Nestes momentos ten rematada a grabación do seu primeiro disco que sairá a luz antes do próximo verán.