Santiago de Compostela/PSdeG | O novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, clausurou hoxe o 14 Congreso dos socialistas galegos co compromiso de que o PSdeG “volva estar á fronte do goberno de Galicia”. O responsable socialista interveu xunto co secretario xeral do PSOE e presidente do goberno, Pedro Sánchez, no certame que rematou hoxe en Santiago de Compostela.
Neste congreso, Formoso decidiu que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sexa a nova presidenta do PSdeG, toda vez a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, será a número 2 do partido no seu cargo de vicesecretaria xeral. Con ámbolos dous nomeamentos veríficase a vocación municipalista de Formoso neste novo ciclo do PSdeG, toda vez con Silva e Méndez nos principais cargos do partido defínese igualmente un rumbo paritario de xénero na máxima dirección do PSdeG. A máxima dirección do partido complétase co ex deputado e concelleiro pola Coruña, José Manuel Lage Tuñas como responsable de organización, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, como coordinador de política municipal e a ex tenente de alcalde de Ourense, Marga Martín, en política social.
O novo líder dos socialistas galegos asumiu o cargo coa “altísima responsabilidade de volver situar ao PSdeG no lugar que merece, que é á fronte do Goberno da Xunta de Galicia”. Lembrou o legado dos ex presidentes socialistas para sinalar que “necesitaríamos mais tempo de Laxe é Touriño, de socialdemocracia”, afirmou Formoso.
Destacou que os grandes avances para os galegos e galegas viñeron de gobernos socialistas no Estado, pero advertiu que “Galicia necesita mais Galicia, mais PSdeG” para superar a falta de ambición tras doce años de PP na Xunta.
Apuntou unha liña política “propositiva, construtiva, capaz de ler as prioridades dos veciños e das veciñas do país, que sexa un instrumento útil á cidadanía, merecedor da confianza dos galegos e das galegas”. Apostou por “xerar ilusión” a partir dos 111 alcaldes e alcaldesas e dos case 1.000 concelleiros socialistas que dende o goberno e a oposición son “capaces de facer política socialdemócratas”.
“Apuntou unha liña política ‘propositiva, construtiva, capaz de ler as prioridades dos veciños e das veciñas do país, que sexa un instrumento útil á cidadanía, merecedor da confianza dos galegos e das galegas”
Reivindicou o carácter municipalista do partido, ao que conxurou para acadar un “gran resultado nas municipais de 2023” para que sirva como “palanca de impulso para chegar á Xunta”. Chamou a que “Galicia entenda que o PSdeG ten un proxecto galeguista, europeísta e progresista” e que “podemos ser os depositarios da confianza dos galegos e das galegas” na próximas convocatorias electorais “porque entendemos e sentimos Galicia”.
Como primeira mostra propuxo tres grandes acordos coas demais forzas políticas, dirixidos á innovación, á economía e o emprego e a defensa dos servizos públicos. En primeiro lugar reclamou un pulo á I+D+i e á transformación dixital, así como aos procesos produtivos para “converter Galicia nun entorno innovador, onde as empresas tecnolóxicas e científicas saiban que están na súa casa”.
Tamén propuxo un acordo para o emprego de calidade e o desenvolvemento económico e industrial do país, sinalando á situación da Mariña lucense e da industria de Ferrolterra para que “ninguén quede atrás. Incluíu a transformación dos produtos agrogandeiros e o sector mar – industria como eixos fundamentais da reactivación económica de Galicia.
Servizos públicos
Finalmente, situou á defensa dos servizos públicos como terceiro eixo fundamental da súa proposta, logo de 12 anos de gobernos ininterrumpidos do PP nos que acadaron o dubidoso mérito de ter conseguido listas de espera na Atención Primaria, que pasou de ser a primeira liña de batalla pola saúde dos galegos e das galegas a converterse nunha “mera liña de atención telefónica”.
Anunciou que “vamos combater o desmantelamento da sanidade e dos hospitais comarcais de Valdeorras, Verín e A Mariña”, e comprometeuse na defensa aos profesionais sanitarios que logo de dar a cara e xogar a vida durante a pandemia enfróntanse a unha “política laboral máis propia do século XVIII, encadeando contratos precarios”.
Chamou á defensa da educación pública, logo de que o goberno galego pechara 138 colexios dende que Feijóo é presidente da Xunta, con centos de pais e nais de nenos con discapacidade que ven como perden o seu dereito a unha atención especifica nas escolas galegas. Propuxo así un gran acordo pola mocidade para que o goberno galego deixe de asumir con normalidade a fuga masiva de cerebros por falla de oportunidades.
Sinal de identidade
González Formoso emprazou a facer destes grandes acordos o sinal de identidade dos socialistas galegos, dun partido que representa “a solidariedade e o benestar social, e que non entende a sociedade sen ser feminista, que non comparte unha sociedade que se diga demócrata mentres haxa unha soa muller vítima de violencia de xénero”.
O líder dos socialistas galegos defendeu a xestión dos gobernos socialistas tanto en Madrid, onde puxo en marcha o “paraugas social” e o muro de protección ao tecido produtivo durante a pandemia, como a xestión local e provincial. Neste sentido, lembrou que en 12 anos Feijóo foi incapaz de poñer en marcha unha soa residencia pública, fronte ás 12 que inauguraron Gómez Besteiro e José Tomé dende a Deputación de Lugo.
González Formoso interveu diante do plenario do 14 Congreso dos socialistas galegos inmediatamente despois de ter escollido á nova Executiva co 81,47 por cento do apoio, a representación galega no Comité Federal co 79,2 por cento, o Comité Nacional Galego co 82,42 por cento e a Comisión Nacional de Ética co 79,52 por cento.
Pedro Sánchez
O secretario xeral do PSOE e presidente do goberno, Pedro Sánchez, clausurou o congreso dos socialistas galegos e saudou ao novo secretario xeral sinalando que “acerta” coa proposta de triple acordo dirixido a tódalas formacións políticas. Apuntou que “falar de reindustrialización e emprego, de innovación e do fortalecemento dos servizos públicos é entender as claves da sociedade e do progreso para os próximos 20 a 40 anos”.
“Falar de reindustrialización e emprego, de innovación e do fortalecemento dos servizos públicos é entender as claves da sociedade e do progreso para os próximos 20 a 40 anos”
Confesou sentir “envidia sana” da oposición que debulla o novo líder dos socialistas galegos, fronte a unha dereita e ultradereita “empeñadas en debullar unha España triste e sen ideas á súa imaxe e semellanza”. Criticou que falen de “quebra” cando “o futuro pasa por superar a pandemia e a recuperación económica” e que amosan a súa “verdadeira faciana cando hai que arrimar o ombreiro”.
Subliñou que o PSOE “nunca lle fallou a España” e o PSdeG “nunca fallará, como nunca ten fallado a Galicia”, logo de reivindicar o esforzo do goberno central con esta Comunidade Autónoma. Lembrou que Galicia recibirá 1.070 millóns de euros de investimento público nos próximos Orzamentos -un 29 por cento por riba do ano pasado-, e 8.000 millóns de entregas a conta para sanidade, educación ou dependencia.
Lamentou que o PP continuara votando en contra dos orzamentos do Estado elaborados por un goberno socialista que en 4 anos destinou a esta Comunidade Autónoma un 27 por cento máis de recursos que no goberno de Rajoy. Esta nova etapa, dixo, será a da chegada do AVE a Galicia logo de anos de retraso cos gobernos do PP grazas agora a un goberno do PSOE que está a amosar o seu compromiso co naval galego.
Sinalou ademais que grazas á lei de Cadea Alimentaria “o sector alimentario nunca máis terá que facer vendas a perdas, con prezos inferiores aos custes de produción”. Apuntou ademais que é o goberno progresista o que ven de subir o SMI, revaloriza as pensións ao nivel do IPC, implantou o Ingreso Mínimo Vital, aprobou a Lei de eutanasia, destinou máis de 2.000 millóns a bolsas, aprobou a Lei de Vivenda Pública, os ERTES ou as axudas a autónomos e créditos ICO.
Mentres o PP, sinalou, púxose en contra de todas estas medidas, co que preguntou “a quen defende a dereita deste país, porque non é aos cidadáns de a pé”, e engadiu que “nós sabemos a quen servimos e para quen gobernamos”.