Deputación da Coruña | Valentín González Formoso (PSdeG-PSOE) foi hoxe reelixido presidente da Deputación da Coruña cos votos favorables de 17 dos 31 deputados da corporación fronte aos catorce obtidos polo candidato do Partido Popular, Evaristo Ben, no pleno extraordinario de constitución da nova corporación provincial.
É a primeira vez na historia da institución que un presidente encara un terceiro mandato consecutivo, un feito que Formoso asumiu “cun inmenso sentimento de gratitude e, sobre todo de responsabilidade: a de seguir construíndo xuntos unha provincia da que nos sintamos orgullosos”.
No seu discurso de investidura, Formoso lembrou que “promover a prosperidade na provincia era o mandato que a Constitución de 1812 atribuía ás deputacións e sinalou que “esta idea foi a que vertebrou a nosa acción de goberno nos últimos oito anos”. “Un deber e un compromiso que mateño e renovo hoxe aquí, ante a nova corporación que acabamos de constituír, con responsabilidade, gratitude e ilusión”, afirmou.
O presidente reivindicou “a mellor política”, baseada no respecto e o diálogo, “fronte á confrontación permanente, os vetos e as posicións dogmáticas” e anunciou que “traballaremos pola Coruña do futuro, unha Coruña industrial e rural, cohesionada social e territorialmente, unha Coruña dixital e innovadora. Unha Coruña para vivir e para vivila”, afirmou.
Ao longo da súa intervención, o presidente repasou algúns dos logros dos seus oito anos á fronte do Goberno provincial, que contribuíron a facer unha Deputación “maís moderna, máis eficaz e máis útil” e trazou a folla de ruta do seu goberno para o vindeiro mandato nunha provincia que é “o motor económico e social de Galicia”.
Programas coma o Plan Único, “un exemplo de cogobernanza cos concellos e de colaboración institucional”, que permite que os municipios coruñeses “reciban da Deputación entre catro e cinco veces máis fondos que antes” e que supuxo “máis de 500 millóns de investimento e máis de 3.000 obras nos 93 concellos coruñeses”, ou coma o Plan de Emprego Local, que favoreceu a creación de 5.376 empregos, apoio a máis de 4.500 empresas da provincia e a creación de 12 espazos de coworking para 200 pemes da provincia, ademáis de 20 millóns de euros en axudas extraordinarias a sectores productivos coma pescadores, agricultores,transportistas e autónomos en xeral durante a crise da Covid e a guerra de Ucraína.
Tamén reivindicou o impulso ás políticas sociais dos últimos anos, que permitiron duplicar as horas de servizo de Axuda no Fogar que financia a Deputación, superando as 40.0000 horas anuais, incrementar ata 3.200 o número de usuarias e usarios da Teleasistencia e dar apoio continuado a máis de 600 entidades sociais da provincia. Reivindicou tamén o papel o papel de deputación e concellos durante a pandemia: “fomos o primeiro escudo de protección” Formoso destacou tamén compromiso do seu goberno coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero “seguirá sendo inquebrantable”. “Nunca deixaremos de defender ao máis débil, nin permitiremos que se poña en dúbida a violencia de xénero nin as conquistas de dereitos no ámbito LGTBI”, afirmou o presidente.
Vencer o reto poboacional
Entre os principais obxectivos para o mandato que hoxe comeza, Formoso destacou “vencer o reto poboacional e demográfico” e “axudar a voltear a pirámide poboacional en Galicia desde A Coruña”.
“A realidade dinos que o propósito que asuminos non é doado. Galicia é cada vez máis cativa. Morren máis dos que nacen e vanse máis dos que volven. Temos 1.342 aldeas baleiras e un de cada tres núcleos da nosa provincia teñen cinco ou menos habitantes. Non nolo podemos permitir, por iso imos reforzar o papel da Axenda Rural Provincial e imos investir como nunca en servizos de benestar social e conciliación que fixen poboación, fomenten a natalidade e atraian novos veciños aos nosos concellos”, afirmou.
“Queremos ver abrir escolas infantís e comedores escolares, queremos escoitar os berros e as risas dos nenos nos parques, queremos empresas que levanten a persiana cada mañá…queremos pobos con xente e concellos con vida”, afirmou o presidente, que anunciou que o seu goberno seguirá avanzando na “descentralización da administración para devolver protagonismo ao rural” e citou como exemplos a implantación, no último ano, da oficina provincial de xestión de fondos europeos Next Deputación na Capela (1.100 habitantes) ou do centro Acelera Pyme en Ponteceso (5.500 habitantes), destinada a impulsar a dixitalización das pemes de toda a provincia. “De non existir esta sensibilidade co rural estarían ubicadas nos centros de calquera cidade”, afirmou Formoso.
Outro dos proxectos anunciados por Formoso para desenvolver no mandato que comeza hoxe é “o novo programa de residencias públicas comarcais, que busca garantir a cercanía aos fogares dos maiores, evitando o desarraigo, un proxecto para o que nos gustaría colaborar coa Xunta de Galicia”. A Deputación xa está redactando os proxectos dos tres primeiros centros, que se ubicarán nos concellos das Pontes, Rianxo e Ordes e que, ademáis de mellorar o benestar dos maiores e atender a necesidade de prazas residenciais, prevé xerar 188 empregos.
Formoso anunciou tamén que “seguirán sendo prioritarias” as políticas de mobilidade sostible, que fomentan o turismo e a vertebración do rural. O presidente detallou que no último mandato, a Deputación construíu 130 novos quilómetros de sendas ciclables con proxectos como a Senda ZEC da Reserva da Biosfera das Mariñas ou a Vía Verde Tambre-Lengüelle, a maior Vía Verde de Galicia, que xa conta con 26 quilómetros construídos e que neste mandato chegará a 26 km coa conexión de Santiago de Compostela.
Formoso trazouse o obxectivo de que, en poucos anos, “un ciclista non teña que saír dunha senda da rede da Deputación para percorrer a distancia que separa A Coruña de Santiago de Compostela”, afirmou.
Revolución de oportunidades para o sector audiovisual
Outro dos proxectos estratéxicos anunciados por Formoso no inicio do mandato que hoxe comeza é a construción e posta en marcha do CEI (Coruña Estudo Inmersivo), o maior estudo audiovisual virtual de España, que se ubicará na Cidade das TIC cun investimento de 8 millóns de euros cofinanciado co Plan de Recuperación do Goberno de España e fondos propios da Deputación da Coruña. “Non deixaremos de reforzar o noso compromiso industrial e dixital. O CEI suporá unha revolución de oportunidades e un posicionamento estratéxico da provincia e de Galicia dentro do sector audiovisual a nivel estatal”, remarcou Formoso.
Pór en valor o valor da Deputación
Formoso defendeu o seu empeño en que “as coruñesas e os coruñeses saiban da Deputación, do seu papel, do que a Deputación fai por eles e para eles. Imos pór en valor o valor da Deputación”.
“Quero que esta Deputación serxa panca e non carga, ponte e non muro para conquistar o mellor futuro”, unha provincia “na que todas e todos tecemos sonos que se funden e transpforman na enerxía que fai avanzar a esta gran provincia, a alma de Galicia”, expuxo Formoso.
“A Coruña de Rosalía de Castro e a Castelao, a terra que inspirou a Pondal os versos do noso himno. A provincia da Iria Flavia de Camilo José Cela e do Ferrol de Torrente Ballester, da Compostela máxica e universal que inmortalizou Valle-Inclán na súa obra, do bosque animado de Fernández Flórez, da Marineda de Emilia Pardo Bazán, que xunto a outra coruñesa, Concepción Arenal, foron as precursoras na defensa da igualdade e o feminismo en España. A terra na que persoeiros como Manuel Murguía asentaron os alicerces históricos do galeguismo, onde naceron a bandeira e o himno, e onde veu a luz o europeísmo máis vangardista de Salvador de Madariaga, afirmou.
“En definitiva, unha provincia de progreso, feminista, plural e galeguista, sempre á vangarda do país, sempre aberta ao mundo.A Coruña que queremos e que aspiramos a seguir mellorando para as xeracións de hoxe e as que nos continuarán”, concluíu, pedido “a axuda de todos e todas para esta gran tarefa”.