O Covelo | Alegre, incansable, valente e xenerosa, así describe a Valentina Muíños Valdés o seu neto e concelleiro do Concello de Covelo, Félix Álvarez. Este sábado Valentina cumpríu 100 anos e fíxoo rodeada dos seus, daqueles e daquelas polos que tanto loitou e aos que tanto quere.
Naceu un dous de marzo de 1924 na parroquia de Barcia de Mera, Covelo, e como tantos galegos e galegas de aqueles tempos herdou o alcume da familia pasando a ser a “Valentina do Romualdo”, herdanza de seu pai Francisco.
O alcalde, Pablo Castillo, e as concelleiras, Lourdes Enes e María Valiñas, quixeron achegarse a felicitala e darlle un agasallo comprobando, unha vez máis, que as súas ganas de sorrir e saír adiante seguen a ser as mesmas.
Foi a menor de cinco irmáns e só deixou a súa terra natal e o traballo no campo para marchar a Calatayud co seu irmán que era sarxento do exército. Tal e a súa paixón polo agro que aínda hoxe segue a traballalo.
Logo dese breve paso por outras terras volveu a Barcia de Mera para traballar sen horarios na sega, na recollida de leite antes de saír para traballar para a forestal e en todos os traballos do campo.
Quedou viúva aos 50 anos, sacou adiante aos seus cinco fillos e coidou de seus pais que finaron con 88 anos. Para os seus netos e bisnetos é un referente, así o sinalan asegurando que a día de hoxe non lle falta nin ganas de seguir traballando nin ilusión para seguir sumando primaveras.