Guitiriz | Luís Menor Pérez, presidente provincial da Deputación de Ourense, que ostenta tamén durante esta lexislatura a presidencia da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación de Municipios e Provincias de España, clausurou hoxe no Iberik Gran Balneario de Guitiriz a Asemblea Constitutiva e o XVII Encontro desta rede da FEMP.
Luís Menor agradeceu á alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, a súa colaboración e a de todo o Concello durante este evento; agradecemento que tamén fixo extensivo á Deputación de Lugo, a todo o equipo da FEMP e do Hotel Iberik Gran Balneario de Guitiriz.
Menor fixo un repaso de todos os relatorios que se desenvolveron durante as xornadas, pois durante os últimos dous días “puidemos coñecer importantes achegas desde distintas perspectivas e responsabilidades”, destacando o bo facer “de todos os que contribuíron a través das súas explicacións, valoracións e compromisos de colaboración”. Precisamente, neste aspecto, abundou en “reiterar a miña intención de que esta sexa unha lexislatura que debe de estar presidida pola máxima cooperación”.
Por último, Menor emprazou aos representantes de Vilas Termais a continuar traballando nas liñas marcadas estes dous últimos días en Guitiriz: “Desde mañá é responsabilidade de todos os que estamos aquí, cada un no ámbito das súas competencias, o aplicar, concretar e executar todo o que aquí se dixo, por iso espero e comprométome a que dentro dun ano en Vega de Tirados, en Salamanca, na súa maioría de idade, no XVIII Encontro de Vilas Termais podamos facer un razoable balance do avance de todas as intencións e propostas que aquí anunciamos”, concluíu.