Palabras, unicamente palabras. Soan no aire, escríbense e voan perdidas en calquera brisa. Sen máis transcendencia, case sen existencia. Moitas delas soan ben: progreso, futuro, prosperidade, diálogo, liberdade, vivenda, traballo, dignidade, democracia, amparo social. Penduran no aire ocultando o que hai detrás, alí están no espazo de conter o alento, case fieis tan só aos nosos soños. Os feitos son outros, materialízanse aínda sen verbas, pero precisados desas verbas cando hai que tapar a trampa e vocalizan, con moita frecuencia, aquelas actitudes severas e ditatoriais que enlean a mentira e o furto. Por detrás hai sempre unha groseira manipulación. Si, e entón acódese ás cifras, as cifras son capaces de dicir o que queiran dicir, pero xa pola beira vense os rotos, as des-estruturacións que xeran estes enormes desequilibrios, os ousados plans de emprego, as limitacións dos dereitos máis básicos que derivan en terribles inxustizas, fames e mortes. Terribles soidades. As primeiras verbas mentidas desátaas aquel que as divulga: os medios de contaminación e manipulación social que acaban espallando o que os poderes lles piden, son quen paga logo en subvencións mentiras e silencios, páganlles cos nosos cartos. Quede claro. O demo ocupa un lugar que debera ser inmaculado, en fondo e forma, dos estamentos de protección nos niveis máis básicos de amparo social, de independencia e solvencia, áxiles e de reparación. E non funcionan, coaccionados por falsos intereses, xa que os políticos son, en fin, quen nomea aos xuíces das altas instancias. Así controlan todo. Por outro lado a Banca pode presionar ou absolver aos políticos, mesmo se permite pedir informes policiais para controlar e comprobar que as súas ameazas funcionarían. Conseguen datos privados que poidan implicalos, entón calan. Veñen roubos, silencios, saqueos, o descaro, as prescricións de delitos, a impericia xudicial e bancaria. As trampas. Desde aí faise de todo, e caen –a cousa é moi notoria- aqueles que apertaron o gatillo, e que eran os que poñían a cara. Seica roubaban pouco e necesitaban máis. Nós atopámonos de súpeto instaurados nunha crise, viñan para roubarnos tamén a convivencia. Dicían que tiñamos un crecemento mal entendido, con dereito a certo benestar non merecido. E iso, claro, sae moi caro. Agora xorde a mentira, adobiada con toques incribles. É a mentira e a ocultación da súa avaricia. Mesmo hai unha involución enorme en todo o mundo e aparece quen se declara, unilateralmente, presidente dunha nación que ten problemas e conflitos. Os “demócratasdetodalavida” aceptan esa interinidade e van detrás dese plan perfectamente preparado, todos aceptan a proposta do poderosísimo tolo que move os fíos, novamente e unilateralmente. Todo chega e se espalla. Sáelle ben, ao tolo aquel, téñenlle medo e saben é capaz de calquera cousa. Anque non se defenda a legalidade, anque non se deixe que aquel país coza as súas propias fabas, na súa propia cociña. Por riba, a continuación, veñen os tira-levitas de turno e perdendo a compostura aceptan encantados ao novo presidente interino. Dobran os xeonllos, unilateralmente. Estaremos tolos, pero non se dan conta? Pasa así neste mundo de ousadas parsimonias. Agora Putin, que non se fía, vai fabricar máis armas. Achégase o frío, moito máis frío para os pobres. Tamén a nós, aquí en Galiza, con este goberno que non goberna nin exerce de galego. Será o prezo hoxe da sobre-vivencia ese deixarnos levar polos que perden a cabeza? E non pensemos, sequera, en soños. Iso acabouse. Eu pregunto, moi para os meus adentros, onde está a ira, onde a loita? Pódenos pasar aquilo que con frecuencia pasa, que nos colla ese complexo de culpabilidade, ese mesmo que nos fai, ás vítimas, sentirnos culpables do mal que outros fixeron. Será iso? De feito, os verdugos viven de marabilla. Ben se ve. Sería bo espertar dunha vez non só de tantos sonos e soños que nos paralizan, senón da tanta mentira que nos envolve, iso si, unilateralmente.