Verbenas e festas patronais no verán cultural de Mondariz

Con maior dinamismo de asociacións e colectivos veciñais

Mondariz | O Concello de Mondariz acaba de anunciar unha programación de actividades socioculturais para este verán que destaca pola recuperación do tradicional programa de festas patronais de mediados de agosto e pola maior presenza de actividades organizadas por asociacións e colectivos veciñais, con apoio municipal.

Con motivo do Día de Galicia, o 15 de xullo será inaugurada unha exposición sobre o deporte galego titulada “Galiza: un pobo, unha selección”. Trátase dunha mostra itinerante con paneis informativos sobre o pasado, o presente e o futuro do deporte galego que incide en reivindicacións históricas como a representación en competicións internacionais.

Entre os anos 2021 e 2022, esta exposición ten percorrido ata 35 concellos galegos. Estará aberta ao público ata mediados de agosto.

Agosto en Mondariz: festas e espectáculos musicais
As principais actividades socioculturais deste verán en Mondariz están concentradas no mes de agosto. Os días 3 e 4 de agosto, a praia fluvial do Val volverá ser escenario do innovador espectáculo de Le Piano du Lac, dentro da súa xira Idóneas. O ano pasado, estes concertos flotantes sobre o río Tea tiveron un gran éxito de público. Non é unha actividade gratuíta, mais a taquilla é voluntaria. As entradas xa están á venda no sitio web da compañía: www.pianodulac.eu.

O primeiro fin de semana de agosto tamén é tradicional que a asociación CEAR Castromao, co apoio do Concello de Mondariz, organice a Feira de Oficios Artesáns. Os días 6 e 7 de agosto celebrarase na Praza de España a 33ª edición. Ademais de obradoiros e postos de venda, esta feira soe contar no seu programa de actividades con actuacións de música e baile.

Seguidamente, entre o 13 e o 16 de agosto, os veciños e as veciñas de Mondariz celebrarán as Festas da Peña de Francia e San Roque cun programa de actividades que inclúe concertos e verbenas como as de antes da pandemia. Durante os anos 2020 e 2021 foi o Concello de Mondariz quen se responsabilizou de manter o espírito das festas patronais en tempos de pandemia, cun programa de concertos que excluía as verbenas e daba visibilidade a artistas locais.

Coa crise sanitaria, eran tempos incertos. Mais este ano, á vista da normalización, creouse unha comisión de festas que recuperou o programa tradicional de verbenas e concertos para satisfacer a todos os públicos. As festas patronais comezarán, como é habitual, o día 13 de agosto cun concerto do grupo “Dakidarría”, e se prolongarán ata o 16 de agosto con verbenas nocturnas e outras actividades.

Protagonismo das asociacións e colectivos veciñais
Moitas das actividades socioculturais programadas este verán están organizadas por asociacións e colectivos veciñais. A Asociación Val do Regufe da parroquia de Meirol organiza a II Andaina Nocturna Meirol-Mondariz o día 16 de xullo. A Asociación Deportiva Mondariz, pola súa banda, ten programadas varias saídas pola contorna natural de Mondariz, como a Andaina do Dragón do día 25 de xullo e a VI Carreira Popular de Mondariz do 24 de setembro. Nesta mesma liña, desde a OMIX do Concello de Mondariz tamén se promoven experiencias deportivas en entornos naturais, con varias actividades de piragüismo e rafting dirixidas á mocidade.

Desde o punto de vista máis cultural, a Banda de Música Cultural de Mondariz organiza un encontro coa Banda de Música A Lira de Ribadavia o día 30 de xullo. A Asociación de Mulleres de Gargamala, pola súa banda, recupera a súa tradicional representación teatral o fin de semana do 6 e 7 de agosto.

Xa en setembro, a asociación Pandereteiras Loureiro Verde de Lordelo, na parroquia de Toutón, organiza o Serán Poza Muíños de Porta Piñeiro o día 3; e CEAR Castromao presentará o Festival da Millaxe o día 17.

A Asociación de Maiores de Mondariz tamén recupera a actividade, coa organización da Festa dos Nosos Maiores o día 20 de agosto, e o Festival “Recordando Vellos Tempos” o día 3 de setembro. Na parroquia de Vilar, a AA.VV. Garavite ten programada a primeira edición da Festa dos Barrios e da Amizade para o día 20 de agosto.

Programa “Tras as Ameas” no Castelo de Sobroso
Estas actividades socioculturais compleméntanse un ano máis coa programación da Deputación de Pontevedra no Castelo de Sobroso, recentemente musealizado. O 12 de xullo está programado o concerto didáctico sobre música tradicional “Mamá Cabra e Bellón Maceiras.

A música das Buguinas”; o día 19 de xullo, o espectáculo de maxia “Mago Noel”; o día 11 de agosto, o espectáculo de circo cómico “Circo Chosco. Oh-Pera!; o día 23 de agosto, o taller de debuxo e acción gráfica de “Alezandra R. Rey; e o 1 de setembro, o espectáculo de comedia e teatro de rúa “Saabor” de Culturactiva. Todas estas actividades requiren inscrición previa no sitio web da Deputación de Pontevedra.

Presentación dun novo número da revista cultural “Mondaricus”
O Concello de Mondariz saca á luz un novo exemplar desta revista centrada na natureza, a historia e o patrimonio cultural de Mondariz e Mondariz Balneario.

O vindeiro venres, 5 de agosto, ás 20:30 h, o Concello de Mondariz presenta o terceiro número da revista de cultura “Mondaricus”. Trátase dunha publicación de periodicidade anual que, nesta ocasión, contén 120 páxinas impresas a toda cor. Na revista escriben autoras e autores locais do ámbito da creación plástica como Gloria Iglesias, Lorenzo Montes, Ana Amaro ou Arcilia P. Melón.

Pero o groso da revista está dedicado a traballos inéditos sobre a natureza, a historia e o patrimonio cultural de Mondariz e Mondariz Balneario. Desta volta escriben:

Rosa Reboreda: que escribe sobre Hortensia Nogueira Costa, a telefonista de Mondariz e Mondariz Balneario. Durante máis de vinte anos milleiros de persoas pasaron polo seu locutorio.

Os profesores universitarios Anxo Porto Ucha e Raquel Vázquez, que rescatan a memoria do profesorado represaliado polo franquismo entre 1936 e 1942.

O filólogo e investigador Xurxo Martínez escribe sobre a relación que mantiveron en México Luís Soto, mestre en Mondariz ata 1936, e Florencio Delgado Gurriarán, a quen a RAG dedica este ano o Día das Letras Galegas.

O mestre Alfonso Mumary asina un traballo sobre Antonio Sanjurjo Badía, que fundiu boa parte das varandas, reixas e baixantes de auga dos “mondarices” no seu obradoiro de Vigo.
Clodio González Pérez, patrón numerario do Museo do Pobo Galego, escribe sobre o patrimonio dos cesteiros de Mondariz que atesoura este museo compostelán.

O xornalista Carlos Barros González escribe sobre a zapatería do Tango, creada por Ceferino Barros González na década de 1940-50.

A profesora e investigadora Fernanda Padín rescata a memoria das fotógrafas pioneiras de Galicia, entre elas a das retratistas Luisa e Rosina Pardo, que exerceron a súa profesión na Belle Epoque do balneario de Mondariz.

O historiador do audiovisual Manuel González rescata os anos do fotógrafo José Gil pasou no balneario de Mondariz, onde rodou oito filmes entre 1910 e 1931.

O profesor da Universidade de Santiago Antonio Rigueiro e o doutor en enxeñería forestal Gaspar Bernárdez asinan a primeira parte dun artigo, a publicar en dúas entregas, sobre as árbores senlleiras de Mondariz e Mondariz Balneario.

Patricia Carballal, profesora da Universidade da Coruña, escribe sobre o papel dos balnearios na obra literaria de Emilia Pardo Bazán, visitante incondicional do balneario de Mondariz. A vida e obra do compositor Juán Durán, fillo e neto de panadeiros da parroquia de Sabaxáns, é obxecto dun artigo que asina o profesor de música Xaime Estévez Vila.

O historiador Xosé R. Paz Antón recupera a traxectoria vital do mestre de obras Serafín Tato Faro, un concelleiro en Mondariz Balneario en 1930 que foi encarcerado e asasinado pola ditadura franquista en 1937. A historiadora María Fernández Blanco rescata a memoria do futbolista nado en Mondariz Cosme Vázquez, que xogou no Celta de Vigo e no Atlético de Madrid hai agora un século. Lucía Estévez, restauradora de profesión, analiza os problemas de conservación dos gravados rupestres da parroquia de Gargamala.

Por último, a xornalista Verónica Palleiro fai un retrato de actualidade centrado nas mulleres do noso concello que veñen ocupando oficios tradicionalmente masculinizados: condutoras de autobús e albaneis.

Comisión de Festas
No acto intervirá tamén Maite Isla, presidenta da Comisión de Festas da Peña de Francia e San Roque de Mondariz, que presentará publicamente a programación festiva que un grupo de veciñas e veciños preparou para os vindeiros días 13, 14, 15 e 16 de agosto, na que participarán grupos de grande sona como Dakidarría, Saudade ou América.