Cadernos da viaxe.
1.O Estado español, canda a nosa Galicia, enfronta a probabilidade dun xiro de 180 graos se o PP e Vox acadan xuntos o 23-X un resultado co que poidan gobernar. O deep state escolleu Feijóo como candidato, persoa sen contidos ideolóxicos de seu e, xa que logo, o mellor executor do programa doutros. Mais está decidido non só a que Vox partille a ecuacion de goberno, senón que lidere dende o seu extremismo españolista e ultracatólico a xeración da axenda dominante dende a súa galegofobía, machismo, homofobia e xenofobia.
Na axenda dese hipotético futuro goberno teremos de certo políticas económicas pensadas para as grandes fortunas, recorte substancial dos nosos dereitos e liberdades e agresión discriminatoria para a nosa lingua e cultura e a nosa economía e benestar.
2.- Os centos de milleiros que voten BNG e, en xeral, os millóns de cidadáns que votan polas distintas opcións soberanistas, son (somos) cidadáns de pleno dereito e os deputados que escollan teñen legal e moralmente o mesmo dereito das opcións unionistas españolas para decidir, no seu caso, o futuro Goberno do Estado. Non hai España viábel sen recoñecer a súa plurinacionalidade.
“O PSOE e o resto da esquerda española tenden asumir o marco mental da España á forza unitarizada do PP da España española“
3.- Nas cuestións que se refiren aos dereitos e liberdades (velaí a continuidade na vixencia da prisión permanente, dos delictos de opinión e da “lei mordaza”) e, sobre todo, á política autonómica e territorial, o PSOE e o resto da esquerda española tenden asumir o marco mental da España á forza unitarizada do PP da España española (en moi acaídas verbas do profesor M.A. Bastos) e de Vox.
E estas cesións (mellor diríamos asuncións) retroalimentan unha e outra vez este marco mental. Velaí que non haxa solución política a respecto do dereito a decidir, só o castelán sexa realmente protexido e que o independentismo sexa continuamente criminalizado.
4.- PSOE, SUMAR, BNG e as opcións soberanistas catalás e vascas concordan no seu común rexeitamento a esta ameazante regresión 50 anos atrás no tempo. Xa que logo, para a cidadanía demócrata deste País, o voto ao BNG ten a utilidade de impedir este salto regresivo e, ademáis, a utilidade adicional da afirmación dos dereitos e intereses de Galicia e do benestar dos galegos, ausentes dos programas do PSOE e SUMAR.
Esta utilidade aplícase tamén nas circunscricións de Lugo e Ourense onde un hipotético primeiro deputado do BNG chimparíalle o terceiro ao PP en cadanseu territorio.
5.- Mesmo no suposto tan lesivo e indesexábel dun Goberno futuro PP-Vox, unha forte representación galega no Congreso constituiría unha acaída ferramenta para lle desenvolver unha ferreña oposición coordenada co traballo en positivo a desenvolver dende os Parlamentos de Galicia e Europeo e dende os gobernos locais progresistas cara reflectir a necesidade dunha inmediata remuda na Xunta de Galicia.