Aínda de lonxe, desde a visión máis obxectiva que puidese exercer ou desde unha perspectiva allea dos problemas que tanto nos afectan, a cousa é evidente e cae de caixón. Resulta que, os que están no goberno implantaron a Lei Mordaza –para castigarnos e protexerse eles-, ocultan documentación e destrúen probas –para evadir responsabilidades e erros-, fan o nomeamento dos responsables e xefes de Salas onde se xulga a situación caótica na que levamos xa anos, mesmo nomean a dedo aos grandes responsables da xustiza e outros postos de responsabilidades varias, resultando tamén que van contra os informes policiais –cando estes os atopan polo medio de escándalos e espoliacións- e por riba, despois, eles mesmos, demonizan aos que os investigaron. Todos sabemos que bloquean as informacións das axencias tributarias, das anticorrupción, da UCO, da UDEF, de todos cantos os investigan e –loxicamente- atopan perversións e manipulacións inmorais que os fan culpables e sospeitosos das marañas que –minimamente- recibimos nos medios de comunicación, previamente untados con subvencións deles, para que poñan silencios e dúbidas sobre todas as certezas que se evidencian pois, senón, non hai outra explicación. Habitan por riba da Lei, e esta non vai con eles. En fin, que este mundo semella de tolos. Contan, pensan realmente que somos estúpidos, que tragamos as estúpidas palabras e evasivas, as obscenas manobras que resultan ser ocasión para excluírse da responsabilidade dos seus actos e decisións. Cando resulta que ademais están subvertendo a escasísima democracia que se podía quizais albiscar, que obstaculizan a verdade e as comisións de investigación, que nos fan retroceder en dereitos e liberdades básicas e fundamentais para unha vida sen grandes pretensións, pero digna; que cando culpan a alguén somos nós culpables e pagamos as desfeitas que eles resolveron –da peor maneira, claro; que empregan o diñeiro público coma se fose propio e dilapidan moreas de millóns en estúpidas compracencias aos amigos das porcentaxes e beneficios en negro, que… etc. Xa saben todos vostedes a relación de casos e de implicados, todos sabemos que nos trouxeron a esta desvergoña na que se cren deuses, onde non ten límite o dano que fagan nin o que rouben. Están implicados e deben pagar por cantas fixeron, pero sen estrañarse de que a Xustiza llelo bote en cara e de que teñan que reintegrar o que levaron, pagar o que mal fixeron e aplicarse na purga que deban cumprir. Deben devolver o furtado, que seica aquí non o fai ninguén. E deben volver ao rego da Xustiza, á Lei que esqueceron e da que se senten superados e indiferentes na súa impunidade. O que están a facer con todos nós é indignante. Xa está sabido que mantiñan estruturas mafiosas no seu goberno, que lles serven para protexerse e protexer así a outros delincuentes. Está claro que o sistema, así, non funciona e dá como resposta unha desigualdade suicida: ricos máis ricos e moitos máis pobres, moitos deles excluídos xa da narración e relato dos tempos. Pois hai que dicir ben alto que “non vale a solución”, que non funciona e non é operativa. De todas formas o peor aínda non é iso, o peor é ter que asumir que –con todos os datos que todos sabemos- haxa xente que os vote. Ou está a mesma sociedade podrecida na mesma corrupción ramificada e estendida, ou ten chegado o tempo dun novo Medulio non que todos merecemos inmolarnos. Algúns, máis temerosos, seguimos coa teima de non ceder nin deixarnos levar pola canseira, máis alá de siglas e eufemismos, seguimos a confiar nun mundo mellor e máis noso, que é posible, sen dar pasos atrás. Sabemos, tamén, que os que non se comportan como deben son os que ocupan máis espazo. Pero preferimos o “denantes mortos que escravos” con este tipo de xentes.