Santiago de Compostela |A inauguración do “Xardín das Pedras que Falan” estivo presidida polo alcalde, Martiño Noriega, e polo reitor en funcións da USC, Juan Viaño. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a viúva de Seamus Heaney e a propia Luz Pozo Garza encargáronse de descubrir as primeiras pedras, en presenza do autor do proxecto, Suso de Toro, e da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.
O alcalde agradeceu a Suso de Toro que pensara en Compostela para “materializar esta idea que levaba anos imaxinando, e que foi posible porque dúas institucións como o Concello e a Universidade son quen de traballar da man en prol da cidade”. Martiño Noriega reiterou que o “Xardín das Pedras que Falan” é un proxecto “que pon en valor a Compostela Literaria que vimos reivindicando, e faino ademais apelando á posteridade”. Na mesma liña, a concelleira de Acción Cultural mostrou o seu desexo de que “as pedras que irán compondo un camiño narrado en espiral fagan deste un lugar de culto á palabra, ao feito literario en si mesmo, á diversidade de linguas e ao poder da poesía como instrumento construtor da memoria”.
Pola súa banda, o reitor en funcións da USC lembrou as orixes do xardín de Fonseca como “xardín botánico que acollía especies que curaban o corpo, e que agora e converterá nunha homenaxe ao feito literario”. Juan Viaño mostrouse convencido de que “non podería haber mellor localización para este proxecto, porque este espazo está cargado de simbolismo, lembra mesmo a un cemiterio e iso ten moito que ver coa posteridade que procuran nos seus versos os autores que comezan este camiño”.
Primeiras pedras
Rosalía de Castro foi a autora elixida para a primeira pedra do “Xardín das Pedras que Falan”. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, foi o encargado de descubrir a peza, que ten gravados os versos “Dende aquí vexo un camiño / que non sei a donde vai; / polo mismo que n’o sei / quixera o poder andar”.
A segunda pedra da espiral do xardín está asinada por Seamus Heaney. O poeta irlandés era amigo persoal de Suso de Toro, e ambos tiñan falando moito do proxecto do “Xardín das Pedras que Falan”. A súa viúva, Marie Heaney, foi a encargada de descubrila, para ler os versos “The dotted line my father’s ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else tide won’t wash away”.
Luz Pozo Garza destapou a terceira das pedras do “Xardín das Pedras que Falan”, cos seus versos “Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte.”
O próximo, Antonio Gamoneda
O “Xardín das pedras que falan” estará formado por versos ou liñas inéditas de autores e autoras, aos que se lles pedirá que se comprometan a non publicar esas palabras, cando menos en vida. Os textos irán gravados en pedras de granito que formarán unha grande espiral no xardín, partindo dunha peza inicial con versos de Rosalía. Instalaranse, de xeito progresivo, unhas 40 rochas en total. Aínda así, dende o principio vese a dimensión da obra, porque os lugares que ocuparán as pedras estarán xa sinalizados cuns discos de granito. Está previsto que a cuarta pedra sexa colocada o 4 de xuño por Antonio Gamoneda, que estará en Santiago para participar na SELIC.