Avogado cunha prolífica carreira política que levouno a ser secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia (2007-2009), e colaborador habitual do noso xornal, Xoán Antón Pérez-Lema (1964) aborda a situación das peaxes en Galicia e dos dereitos dos consumidores mentres albisca futuros escenarios políticos a nivel galego e estatal.
O seu despacho acaba de gañar a segunda demanda sobre a devolución do 50% das peaxes cobradas por Audasa polas obras na AP-9. Ve posible que se gañen outros casos similares?
Si, certamente. Estamos abertos, a través da principal patronal galega do transporte, APETAMCOR, a todas as empresas e profesionais para reclamar peaxes devengadas antes do 25/06/2018.
E, por suposto, a doutrina desta sentenza é aplicábel para calquera tránsito por autoestrada polo que se teña aboada a peaxe e que non cumpra cos requisitos de seguridade, velocidade e comodidade que caracterizan de seu á prestación do servizo de tránsito de vehículos por unha autoestrada de peaxe, consonte coa Lei de autoestradas de 1972.
“Estamos abertos (…) a todas as empresas e profesionais para reclamar peaxes devengadas antes do 25/06/2018”
Na súa opinión, que hai detrás do negocio de Audasa coas peaxes en Galicia?
Un negocio abusivo. Pensemos que para o 2023 fálase dun incremento do 9%. A AP9 hai moitos anos que está amortizada e só polas prórrogas seica ilegais dos Gobernos de Aznar e de Rodríguez Zapatero manteñen a concesión até 2048. É inminente que a Comisión Europea defina se esas prórrogas foron ilegais por non respectar o Dereito europeo que esixía un proceso de concorrencia competitiva. Cómpre ficarmos moi á espreita deste proceso.
Vde. leva tamén adiante varios casos de protección ao consumidor. Ante a actual crise económica, como observa a situación dos dereitos dos consumidores?
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) é quen ten xerado un corpo de doutrina que titoriza aos consumidores, fronte ao desleixo do Tribunal Supremo español, sempre árbitro caseiro a prol dos intereses das grandes empresas. Pensemos na retroactividade da cláusula de chan, que o Tribunal Supremo negaba no 2013 e tivo que asumir pola decisión do TXUE ou no dereito, antes inexistente a un incidente real que poida cuestionar a execución hipotecaria por cláusulas abusivas ou nulas. Mais esta actitude do Tribunal Supremo conecta co dos principais partidos estatais, PSOE e PP (tamén Vox ou Cs), que prefiren o diñeiro en máns dos bancos no canto de nas máns das pemes e persoas consumidoras.
Entremos na política. Como membro do BNG, Vde. formou parte do goberno bipartito na Xunta de Galicia. Ollando ás eleccións autonómicas 2024, ve posible repetir este bipartito?
Si, mais desta volta invertindo o rol hexemónico, que sería agora do BNG. Preocúpame, porén, a febleza relativa do PSdeG e o seu desinterese aparente nunha remuda á fronte da Xunta que é non só de extrema necesidade, senón tamén de extrema urxencia se este país quere ter un futuro, quere ter un desenvolvemento sostíbel…
En varios dos seus artigos, Vde. analiza a situación galega e a súa relación cos poderes estatais. Nese contexto, ve posible que Galicia poda reafirmar un proxecto autonomista similar aos doutras nacionalidades sen Estado como Escocia ou Cataluña?
Prefiro falar dun proxecto soberanista, que non quere dicir sempre independentista. As sentenza do Tribunal Constitucional (outro árbitro caseiro que asubía sempre a prol do Goberno do Estado fronte aos Gobernos e Parlamentos autonómicos) de 2010 contra o Estatuto catalán e do 2018, declarando constitucional o 155 aplicado o 27-O de 2017 en Catalunya na práctica teñen rachado co pacto constitucional no eido territorial, Hoxendía o dereito de autonomía das nacionalidades do artigo 2 da Constitución é un dereito máis limitado ca nunca.
“Feijóo, como xa teño escrito, traballa sempre no límite do cinismo político”
Finalmente, como ve a Feijóo liderando ao PP español?
Feijóo, como xa teño escrito, traballa sempre no límite do cinismo político. É o campión europeo e seica mundial de lle botar a culpa aos demáis e de lle facer oposición á oposición e constitúe o voceiro máis irevogábelmente subordinado ao “deep state” que éste podería atopar para xestionar intereses e gobernanzas. A súa aperta do 18 de abril de 2009 co Presidente de Iberdrola na Praza do Obradoiro, canda a súa asunción do cargo de Presidente de Galicia constitúe o seu programa político…que manden os poderosos, a grande empresa española, os lobbyes bancario, de distribución eléctrica e concesionario-construtor. Velaí o seu proxecto para o Estado.