Ponteareas | A Semana das Ciencias, promovida pola Deputación de Pontevedra, pechou a súa sexta edición coa celebración da Feira das Ciencias. Máis de vinte stands de todos os centros educativos de Ponteareas amosaron o alto grao de curiosidade da infancia e da mocidade ponteareá. Experimentos, investigacións, inventos e unha morea de probas e ensaios que demostrarán que a ciencia está agochada en cada xesto da vida diaria.
Aos anteriores stands súmanse o de robótica; o da Escola de Enfermaría; o da escritora Isabel Blanco, que asinará o seu libro “As Galegas na Ciencia”; e o stand de Dores Pereira e Paula Lago, no que poderase mercar o seu libro “Herbas da noite”.
Dentro dos eventos da Semana das Ciencias, cen alumnas e alumnos dos centros de ensino de Ponteareas participaron nunha saída didáctica polo río na que foron acompañados por guías medioambientais e nunha conferencia a cargo da profesora da Escola de Enxeñería Forestal, Xana Álvarez.
Diversas actividades
No marco da programación da Semana das Ciencias chegou a Ponteareas a exposición “O mar das mulleres” da man do obradoiro da profesora María Lorenzo “A maleta dos océanos”. A coordinadora do grao de Educación Primaria na facultade de Pontevedra traballou cos nosos pequenos e coas nosas pequenas a vida no mar pero, esta vez, dende outra perspectiva.
Noutras actividades, o decano da facultade de Dirección e Xestión Administrativa da Universidade de Vigo, Enrique Varela, amosoulle ao alumnado de secundaria os xeitos de hackear á sociedade para facela máis sostíbel.
Os enxeñeiros da Universidade de Vigo, Juan Picos e David Patiño, ofreceron conferencias na sala multiúsos sobre a tecnoloxía para a prevención e extinción de incendios e a biomasa como recurso enerxético, na conferencia “Sostibilidade e Cambio Climático”. O profesor Xabier Prado conversou sobre os “incendios de sexta xeración”, as novas tecnoloxías ao servizo da prevención e extinción de incendios, de boas prácticas e da evolución no número de superficie queimada ademais das dimensións que están adquirindo as vagas de lume.