VI Xornada de Onomástica sobre os nomes dos lugares do Camiño de Santiago

Evento coorganizado pola Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra

A Coruña | Os nomes dos lugares do Camiño de Santiago serán os protagonistas da VI Xornada de Onomástica Galega. O encontro, coorganizado pola Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra, achegará diversas contribucións arredor da toponimia do primeiro Itinerario Cultural Europeo, cadrando coa celebración do Ano Santo Compostelán.

O programa desenvolverase o vindeiro 16 de outubro no Museo de Pontevedra. As persoas interesadas en participar presencialmente poden inscribirse na xornada ata o 14 de outubro a través do correo electrónico publicacions@academia.gal. As sesións emitiranse en directo a través de academia.gal.

Alén da súa significación relixiosa, a celebración do ano xacobeo permitirá resaltar determinadas características do Camiño de Santiago. A VI Xornada de Onomástica incidirá no estudo dos nomes de lugares que atravesan as rutas que o conforman da man de especialistas de distintas disciplinas.

A evolución dos nomes de Gallecia e Spania ao longo da Idade Media e os nomes literarios no Códice Calixtino, a presenza da onomástica de Santiago máis alá de Galicia ou a aplicación didáctica da toponimia do Camiño nas aulas no CEIP Agro do Muíño e no IES Milladoiro son algúns dos aspectos que se tratarán nas intervencións previstas.

A xornada rematará pola tarde cunha mesa redonda na que se tratarán, dende distintas perspectivas, os estudos toponímicos do Camiño e a posibilidade de que Galicia se constitúa como centro dos estudos toponímicos en Europa.

Anselmo López Carreira, profesor da UNED, e Pilar Cagiao e José María Anguita Jaén, da USC; e os docentes de secundaria Sandra Beis Silva, María Carmen Liñares e Xano Cebreiro pronunciarán os relatorios incluídos no programa coordinado pola académica electa Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez.

A mesa redonda contará coa participación do académico correspondente Gonzalo Navaza, o membro da Academia Xacobea Eduardo López Pereira, a antropóloga do CSIC Cristina Sánchez Carretero e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra coorganizan dende 2016 as xornadas anuais do Seminario de Onomástica da RAG. A entidade provincial apoia ademais a publicación dos traballos presentados nestes encontros, dedicados nas edicións anteriores á microtoponima, os nomes e apelidos, os alcumes, os nomes das rúas e os nomes comerciais.