Vigo | O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, clausurou esta mañá a IV edición de ViaExterior, a aceleradora multisectorial que asesora e forma a pequenas e medianas empresas galegas para iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.
Durante o acto, as 20 pemes participantes tiveron a oportunidade de presentarse ante potenciais investidores e entidades financeiras, que puideron coñecer de preto as propostas de Real Conserveira Española, Hermasa Canning Technology, Ucalsa, Kóoch Green Cosmetics, Lambetadas Mininolas, KeyBiological, Campus Education Spain, Cadeas e Trincajes, Luís Escurís Batalla, Montaxes Fertri, Uarx Space, Grinaga Enxeñería, Quobis Networks, SMG Iberia, Gaictech, TDR 4Elementos, The Circle Ideas (Groovland), Brigal e Phivehicle.
Na súa intervención, o delegado do Estado subliñou que desde o 2016, ano da primeira edición de ViaExterior, participaron no programa 81 empresas, o que supón “81 plans de internacionalización, 320 horas de formación e 6.400 horas de mentoring”. Preto do 90% desas empresas —engadiu— “lograron estar presentes, polo menos, nun novo mercado a curto prazo a través de exportacións directas, novos axentes ou distribuidores en destino, e mesmo a través da creación de novas filiais en Portugal, Chile, Ecuador, Estados Unidos e Holanda. Moitas se atopan negociando actualmente con clientes de diferentes países para a firma de novos contratos, tres estableceron unha joint venture con firmas de Alemaña, Francia e Italia”.
Maior probabilidade de éxito
O foro de investimento celebrado hoxe supón o broche final a seis meses de intenso traballo no que as empresas seleccionadas han podido adquirir coñecementos específicos para impulsar o seu negocio internacional ou materializar o seu proceso de saída a mercados exteriores, minimizando os riscos e reducindo os tempos e custos de investimento.
Como novidade nesta edición, ademais do mentoring e a formación personalizada, as firmas participantes, pertencentes a sectores tan diversos como o TIC, o naval, o de alimentación ou o biotecnolóxico, entre outros, tiveron a oportunidade tamén de recibir asesoramento individualizado para o seu mercado específico, e contaron ademais co apoio de titores para deseñar un plan de expansión internacional que inclúa medidas de responsabilidade social corporativa.
As empresas, así mesmo, puideron participar nos chamados mércores de internacionalización, talleres abertos tamén ao público e nos que puideron recibir consellos de expertos en mercados ou países específicos, así como coñecer a experiencia de empresas que xa están presentes neles.
Empresas participantes
1. Brigal. Empresa familiar que nace co obxectivo de converterse nun provedor global de artes gráficas para todos os tipos de tecnoloxía de impresión.
2. Cadeas e Trincajes. Constituída en 2008, dedícase á elaboración e subministración de sistemas de cables e barras de aceiro para diferentes sectores, como a construción e a industria naval.
3. Campus Education Spain. Empresa fundada en 2017 co obxectivo de promocionar España como destino educativo e de turismo académico a través do desenvolvemento de diferentes actividades dirixidas a estudantes internacionais.
4. Gaictech. Empresa con máis de 35 anos de andaina investigando, deseñando e fabricando equipos e sistemas para a industria conserveira e do conxelado.
5. Lambetadas Mininolas. Empresa de fabricación, comercialización, distribución e exportación de todo tipo de lambetadas, doces e caramelos.
6. KeyBiological. Pioneira na produción, distribución e comercialización de aceites ozonizados, cosmética natural e suplementos nutricionais.
7. Grinaga Enxeñería. Desde fai seis anos, ofrece solucións innovadoras de enxeñería e xestión de proxectos para todo tipo de sectores.
8. Hermasa Canning Technology. Centrada desde hai 50 anos no deseño e fabricación de maquinaria tecnoloxicamente avanzada para o sector conserveiro.
9. Kóoch Green Cosmetics. Firma independente de cosmética orgánica fundada en 2017 cunha filosofía sostible orientada á vida sa.
10. Luís Escurís Batalla. Desde 1994 elabora conservas de mariscos e peixes de máxima calidade procedentes das rías galegas, combinando artesanía e tradición no seu proceso de fabricación.
11. Montaxes Fertri. Dedicada á fabricación e montaxe de invernadoiros e estruturas agrícolas.
12. Phivehicle. Empresa que desenvolveu unha ferramenta para medir, avaliar e comparar a potencia, par e eficiencia dun motor.
13. Quobis Networks. Consolidada como empresa de referencia no desenvolvemento de solucións personalizadas de telefonía IP, líder nacional na instalación e mantemento de SBCs de Oracle. Desde hai 7 anos, dispón da súa propia plataforma de comunicacións baseada en WebRTC.
14. Real Conserveira Española. Empresa con longa tradición conserveira que aposta pola innovación e un produto gourmet único que se enlata de forma artesanal.
15. SMG Iberia. Empresa dedicada ao deseño e fabricación, instalación, reparación, actualización e mantemento de grupos electrógenos.
16. TDR 4Elementos. Naceu como unha pequena tenda de barrio e converteuse despois de 15 anos nuns dos TOP5 nacionais en streetwear.
17. The Circle Ideas (Groovland). The Circle ideas é unha consultora multidisciplinar dentro do sector pet. Groovland é unha proposta de e- commerce desta firma onde todo está pensado por e para as mascotas.
18. UARX Space. Especializada en viaxes compartidas e servizos de lanzamento para CubeSats e satélites pequenos.
19. Ucalsa. Fundada en 1986, trátase do principal provedor de portas e escotillas da industria naval española.