No Concello de Ponteareas somos un exemplo de convivencia entre a veciñanza. “Non somos carcas que estamos todo o día coa guerra do avó e as fosas”, que diría Pablo Casado, “nin falamos de Franco porque non estamos amargados e ademais danos moita pereza”, Feijoo dixit. E si, as veces tamén pensamos, como dicía Rafael Hernando, que “algúns acordáronse do seu pai cando houbo subvencións para atopalo”.
Cremos que as barbaridades cometéronse nos dous bandos, por iso entendemos que Rajoy alardeara, con orgullo, que nos seus presupostos a “media destinada á Memoria Histórica era cero”. Para que cavar nas cunetas podendo facer máis ancha a estrada, botándolle por riba unha boa capa de chapapote. Asfalto para impermeabilizarnos do pasado avanzando cara o futuro.
Por outra banda, non convén que nos pasemos de frenada e permitamos que as nosas rúas leven os nomes de personaxes “siniestros” como Pilar Bardem, Largo Caballero ou Indalecio Prieto. En Sevilla, a rúa da sevillana Pilar Bardem, converteuse en Nuestra Señora de las Mercedes como recoñecemento ás milagres da Virxe, das que dan fe multitude de testemuñas pertencentes a nada sospeitosa Hermandad de Santa Genoveva.
“Un de tantos exemplos de que no Concello de Ponteareas pasouse páxina do acontecido no pasado, para ‘non reabrir as feridas’, é a sinatura que deixou no libro de honra do noso concello Víctor Freixanes”
Un de tantos exemplos de que no Concello de Ponteareas pasouse páxina do acontecido no pasado, para “non reabrir as feridas”, é a sinatura que deixou no libro de honra do noso concello Víctor Freixanes. Este insigne persoeiro galego achegouse a nosa vila para participar nunha charla coloquio sobre a figura do Fresco, empresario socialista que tivo que agocharse nos montes, do húmido e frío inverno do 36, para evitar que os falanxistas acabaran co el. Desgraciadamente os mozos de camisa azul conseguiron abatelo na Noiteboa dese ano.
No acto celebrado na Casa do Concello, tivo lugar un momento realmente emotivo. Ver como un falanxista entrega un agasallo a un escritor que narrou un relato biográfico sobre un asasinado polos propios falanxistas e que o escritor teña a xentileza de adicarlle unhas palabras amables ao falanxista, é algo que me conmove. Emocióname ver a Víctor Freixanes, Presidente da Real Academia da Lingua Galega, aceptando un recoñecemento de mans de aqueles que coas súas políticas e coa súa permanente denuncia da imposición do galego na propia Galicia, conseguiron que a lingua se atope na situación actual.
Este acto na vila na que naceu o bilingüismo cordial, (lembremos que aquí habitábamos no Ayuntamiento de Puenteareas e no Concello de Ponteareas ao mesmo tempo e sen necesidade de desprazarnos), pobo no que se levantou un monumento ao Xefe do Estado máis lonxevo do século XX despois de morrer, fixemos e seguimos a facer borrón e conta nova mirando ao futuro sen rancor. Tanto é así que os que colocaron ao Caudillo na Praza Maior e os que logo o mantiveron ata o século XXI, son os mesmos aos que volvemos a votar nas últimas eleccións. Normalidade democrática.