Non falo só de Galiza, nin da súa lingua, historia e cultura ancestrais, falo da natureza e do planeta, das clases pupulares e da humanidade en xeral: de todos os seus pobos, de todas as nacións e de todas as razas. A vida implica amor e defensa do propio (que non debería ser necesaria nun Estado que se di democrático nin nunha orde mundial que se di xusta e respectuosa cos débiles). A vida implica respecto pola natureza e polos animais, pola diversidade cultural e lingüística, polo respecto da identidade sexual e da sexualidade. Concebida non como opresión, espolio ou explotación, senón como goce libre e compartido e aproveitamento sustentábel. Querer vivir en armonía coa natureza, cos animais e coa humanidade. Querer ser útil ao teu país e á vida que temos en común. Respectar ao adversario e deixarlle unha saída airosa e non querer aniquilalo e sometelo á servidume ou á humillación. Defenderse pacificamente e, se é preciso, incluso coas armas na man. Defender a igualdade de todo ser humano e negarse a oprimir e a ser oprimido. Ser crítico e rebelde se é preciso, pero cunha rebeldía comedida e respectuosa, na medida do posíbel. Negarse a ser escravo e non renunciar a ningún dos nosos dereitos individuais e colectivos. Porén exercitar a paciencia e non facer máis dano do estritamente necesario, estando sempre dispostos ao diálogo, á negociación e ao compromiso. En 1936 o pobo galego expresouse abrumadoramente a favor do seu primeiro Estatuto de Autonomía. Porén a barbarie fascista encheunos de sangue e de horror. Despois veu a represión lingüística e cultural e a asimilación forzada, a imposición do nacional-catolicismo; a humillación e a escravitude cunhas cadeas non sempre visibéis. Podedes estar seguros de que algúns aprendimos a lección. Aprendimos -e sufrimos- moito en todos estes anos de franquismo aberto ou camuflado. E a conclusión que eu tiro -sen deixar a un lado a solidariedade- é que só Galiza salvará a Galiza. Viva Galiza ceibe e popular!